Partido Popular de Lugo

BARCIA, YANES GINZO E LEAL CONSIDERAN QUE A DEPUTACIÓN NON TEN INTERESE EN DEFENDER Á MARIÑA

A Mariña, a 28 de maio de 2008.- Os deputados provinciais populares pola Mariña, José María González Barcia, José Manuel Yanes Ginzo e Guillermo Leal, manifestaron hoxe mediante unha nota de prensa que “a Deputación non tén ningún interese real pola Mariña, xa que no pleno celebrado onte os socialistas e os nacionalistas, entre eles a concelleira de Cervo Lara Méndez, o alcalde de Viveiro Melchor Roel, e o concelleiro de Barreiros Antón Veiga, mostraron o seu total rexeitamento a solicitar medidas urxentes para que o sector pesqueiro e o sector agrogandeiro saian da crise na que están inmersos, entre outras cousas pola suba desmesurada dos prezos do combustible”. 

Os tres deputados provinciais populares manifestaron “o seu total apoio” ás demandas do sector pesqueiro e agrogandeiro, e igualmente apoian a manifestación do sector pesqueiro do vindeiro venres, día 30, en Madrid. 

O GPPP ven “unha burla manifesta” na presencia do Presidente da Deputación, hai unhas semanas, na inauguración das xornadas sobre Expomar en Burela cando, á hora da verdade, dalle as costas ó sector da pesca, e por segunda vez ademais, porque a primeira foi en setembro do ano pasado votando en contra de medidas para evitar a baixada dos prezos do bonito e da merluza. 

Asimesmo, consideran que “os socialistas e os nacionalistas din unha cousa pero votan xustamente a contraria, polo que os cidadáns da Mariña, e máis concretamente as  persoas que viven dos sectores pesqueiro e agrogandeiro, deben darse conta de quen defende realmente os seus intereses”.