Partido Popular de Lugo

O BIPARTITO REDUCE EN 26 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS AS PARTIDAS DESTINADAS Á FORMACION PROFESIONAL

Santiago, 27 de maio de 2008.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, denunciou hoxe que o Plan de Formación Profesional do Goberno bipartito reduce en 26 millóns de euros anuais as partidas económicas destinadas a este tipo de ensinanzas. Deste xeito, o novo plan galego de Formación Profesional presentado pola conselleira de Educación –o titular de Traballo negouse a facelo, a pesar de aglutinar tamén a formación continua e a ocupacional- dispón dun orzamento de 175 millóns de euros anuais, segundo manifestacións da conselleira, xa que o plan carece de memoria económica, mentres que o do anterior Goberno do PPdeG contaba cunha media de 201,3 M€/ano. 

Ao responder no Parlamento a unha comparecencia da conselleira de Educación, López Besteiro reprochou a Sánchez Piñón que utilice sistematicamente á Cámara como un “altofalante publicitario de plans que xa presentou previamente en rolda de prensa”, mentres se resiste aceptar calquera das solicitudes de comparecencia formuladas desde o PPdeG. 

CONSELLEIRA URBANITA.- De feito, Sánchez Piñón négase a explicar no Parlamento  as cuestións máis vidrosas da súa xestión, como a supresión do primeiro ciclo de ESO de 12 concellos galegos –o que ten provocado que alcaldes socialistas custeasen autobuses para que os pais acudisen á manifestación celebrada a pasada semana diante da Consellería-. En opinión da voceira de Educación dos populares, detrás deste asunto subxace a “mentalidade profundamente urbanita da conselleira, que prefire viaxar a Nova York antes que facelo a un concello da Galicia interior para coñecer as súas necesidades educativas específicas”. 

Outro asunto que a conselleira non quere explicar en sede parlamentaria é o retraso de medio ano que acumula o decreto que deberá regulas as ensinanzas de bacharelato en Galicia no próximo curso e que vai supoñer a redución da carga lectiva de materias fundamentais como Historia ou Filosofía para incrementar a de “marías” como ciencias do mundo contemporáneo.

López Besteiro cuestionou a inconsistencia do plan de formación profesional presentado polo bipartito, que nin sequera pasou polo Consello da Xunta e que, excluíndo a introdución, se limita a 17 páxinas, fronte ás 178 do elaborado polo Goberno do PPdeG. 

DESCENSO DA CALIDADE EDUCATIVA.- A deputada popular advertiu que a política educativa do Executivo galego está provocar unha notable degradación da calidade do sistema público e só busca incrementar o número de mozos que accedan a un título, para cumprir coas recomendacións europeas, aínda que para iso teña que reducir o grao de esixencia. Como exemplo, apuntou que un alumno de ESO pode pasar a bacharelato con 12 materias suspensas, mentres que no bacharelato poden pasar de curso, sen repetir, con catro suspensas. 

Neste escenario, o plan de formación profesional presentado recentemente persegue, segundo os seus autores, que a metade dos alumnos de ESO continúen os seus estudos cursando formación profesional. “O que non dí a conselleira é que, tal e como está concibido, o seu plan vai acabar rematando coa Formación Profesional”, agregou López Besteiro.