Partido Popular de Lugo

LÓPEZ ABELLA ACUSA Á XUNTA DE REPERCUTIR NOS PROPIETARIOS OS CUSTES DERIVADOS DA APLICACION DA LEI DA PAIXASE NA RIBEIRA SACRA

Santiago, 27 de maio de 2008.- A deputada popular Susana López Abella advirte que a Lei da paisaxe, cuxaa tramitación iniciou hoxe no Pleno do Parlamento, cos votos de PSOE e BNG repercute directamente sobre os propietarios o custe de todas as medidas derivadas desa norma, que na Ribeira Sacra afectará a unha superficie de 11.000 hectáreas. 

A deputada popular denuncia que a lei de protección da paisaxe promovida pola Xunta carece de memoria económica, o que significa que a Administración autonómica se limita a impoñer limitacións e esixencias, algunhas de custe elevado, sen habilitar o financiamento necesario. 

A ausencia desa memoria económica foi unha  das eivas denunciadas polo Grupo Popular  no debate de totalidade do proxecto de lei, razón pola que o PPdeG votou en contra do texto. 

LABOR MERITORIA DOS PROPIETARIOS.- Insiste López Abella en que se algún contorno xeográfico precisa unha protección paisaxística ese é a Ribeira Sacra pola súa riqueza ambiental, monumental, etnográfica e mesmo orográfica. Sen embargo, o custe desa medida non pode ser repercutido sobre os titulares das parcelas, “que bastante mérito teñen xa, polo menos no caso de persoas maiores, con coidar os seus predios, máis por razóns sentimentais que polas de tipo económico, dada a escasa rendibilidade de moitas desas explotacións de carácter familiar”. 

López Abella anuncia que o Grupo Popular presentará en breve diferentes iniciativas parlamentarias encamiñadas a corrixir as carencias da lei de protección da paisaxe e reclamar partidas económicas finalistas para minimizar o impacto económico que a entrada en vigor da norma vai ter sobre os propietarios de terras e sobre os empresarios implantados na comarca.