Partido Popular de Lugo

A LEI DA PAISAXE DO BIPARTITO LIMÍTASE A UNHA DECLARACIÓNS DE INTENCIÓNS QUE RENUNCIA A UN MODELO PROPIO PARA GALICIA E COPIA A NORMA CATALANA

Santiago, 27 de maio de 2008.- Coa promulgación da Lei de protección da paisaxe, que o PPdeG considera insuficiente por escasamente ambiciosa, o Goberno bipartito limítase a efectuar unha declaración de  intencións, coa que renuncia a establecer un modelo propio para Galicia, xa que a norma constitúe unha mala copia mutilada da lei catalana que regula esta materia. 

Esta apreciación foi efectuada hoxe polo portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, no debate de totalidade do proxecto de lei de protección da paixase. O PPdeG votou en contra do proxecto de lei por entender que se trata dunha norma insuficiente que lonxe de preservar a paisaxe nas súas diferentes vertentes –rural, urbano e periurbano- se limita a unha interpretación ambientalista que enlentece a súa protección e se limita a multiplicar a burocracia e os atrancos que deberá superar calquera cidadán que promova un proxecto que se inclúa no ámbito de aplicación da nova lei. Tal e como está redactada, a lei da paisaxe solapa a de protección da natureza. 

FRAGMENTACIÓN E INSEGURIDADE.- De feito, o informe elaborado polo CES en relación con este proxecto de lei advirte que a protección da paisaxe mediante unha lei sectorial “produce incerteza en canto á súa aplicación, pois esta nova lei acumúlase á constelación de normas vixentes que inciden directa ou indirectamente sobre a materia paisaxística, por unha banda sen que apareza estudada a influencia que van exercer unhas normas sobre outras na súa aplicación concreta, e, por outra banda, aumentando a fragmentación normativa e introducindo inseguridade xurídica e custes innecesarios na xestión, incrementando indirectamente a presión fiscal sobre os cidadáns”. 

A xuízo de Jaime Castiñeira, o bipartito non só quedou curto coa redacción desta lei, senón que tamén se equivocou co seu encaixe administrativo. Para o deputado popular, o feito de que as competencias relacionadas coa protección da paisaxe queden asignadas na nova lei ao ámbito competencial da Consellería de Medio Ambiente debe ser interpretado como unha mostra máis das pelexas internas que se suceden entre os distintos departamentos da Xunta, posto que o lóxico sería que fosen xestionadas polo departamento competente en materia de ordenación do territorio. 

Recordou, nesta liña, que o Convenio Europeo da Paixase, presentado no ano 2000 en Florencia polos países membros do Consello de Europa, establece o compromiso das partes a integrar a paisaxe nas políticas de ordenación do territorio e urbanísticas e que así o fixeron xa tanto Cataluña como a Comunidade Valenciana, que xa regularon estes aspectos. 

Castiñeira Broz tamén cuestionou que a  lei galega de protección da paisaxe se aprobe sen unha memoria económica que garanta o financiamento das medidas que propón.