Partido Popular de Lugo

O PP QUERE QUE CARMEN GALLEGO EXPLIQUE AS XESTIÓNS FEITAS POLA XUNTA PARA PALIAR A CRISE DA FLOTA GALEGA DERIVADA POLA SUBIDA DO PREZO DO GASÓLEO

Santiago, 26 de maio de 2008- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, interpelará o vindeiro mércores no Parlamento de Galicia á conselleira de Pesca, Carmen Gallego, para que informe na Cámara sobre as xestións que está a desenvolver o Goberno galego para superar a actual crise que está padecer sector como consecuencia da desorbitada suba do prezo dos combustibles, que podería traducirse en regulacións de emprego masivas a curto prazo. 

O PPdeG pretende coñecer así, de primeira man, se os responsables autonómicos de Pesca puxeron en marcha algún tipo de medidas  con este fin. Balseiro critica a actitude “inmobilista e conformista” mantida ata o de agora polo Executivo galego neste asunto “escudándose en argumentos peregrinos e tan fora da realidade coma que é unha situación conxuntural” e lembra que tanto Carmen Gallego, coma o director xeral de Estruturas e Mercados, José Manuel López, teñen negado a existencia dunha crise no sector pesqueiro en anteriores comparecencias parlamentarias. 

Segundo Balseiro, con este tipo de afirmacións “temerarias” queda claro que os responsables en materia de Pesca da Xunta “non saben defender ao sector pesqueiro galego”, ao tempo que subliña que esta escalaDA alcista dos combustibles derivados dos hidrocarburos supón xa, a día de hoxe, arredor do 40% dos gastos de explotación das empresas do sector, cando en condicións normais non debería superar o 20%.

Para o parlamentario do PPdeG, as axudas de mínimis articuladas polo Goberno central e pola comisión Europea para facer fronte á crise dos prezos dos anos 2004 e 2005 non resolven problema algún. Ademais, as axudas parciais aboadas a comezos de 2008 corresponden aos compromisos adquiridos polo Goberno para 2005. Non se trata, polo tanto, de axudas novas, “senon que son axudas que chegan tarde, xestiónanse tarde e ingrésanse aínda máis tarde”. 

XUNTA SEN VONTADE POLÍTICA.- En todo caso, segundo o voceiro de Pesca do Grupo Popular, o máis preocupante da situación actual é a repercusión inmediata na economía diaria das miles de familias galegas que dependen directamente dos recursos do mar, “e pese a iso, os responsables da Xunta seguen amosando a súa falta de vontade política pese a ter á súa disposición fórmulas para atallar os efectos perniciosos deste descontrol de prezos nos combustibles”.

MAIOR CRISE EN 25 ANOS.- Segundo Balseiro, esta pasividade do Executivo galego “ben sexa por incapacidade, ou por simple desidia” é o refrendo de que Galicia ten un Goberno que non só se limita a dar as costas ao sector pesqueiro na súa maior crise dos últimos vintecinco anos, “senón que ademais amosa a súa incompetencia permitíndose o luxo de deixar sen executar máis do 47 por cento dos seus orzamentos”.  

Do mesmo xeito, Balseiro lembrou que, e a pesar de que a Cámara galega acordou por unanimidade, por proposta do PPdeG, en outubro de 2005, un paquete de medidas para minimizar o impacto da escalada alcista dos combustibles sobre o sector pesqueiro, “a Xunta segue sen aplicar esas medidas, facendo caso omiso do mandato parlamentario”. 

Para facer fronte á situación actual, na que o gasóleo se converteu nun artigo de luxo, o parlamentario do PPdeG lembrou que o seu partido ten proposto que os Executivos autonómico e central articulen medidas de choque para frear ao impacto das alzas dos hidrocarburos sobre a economía das empresas e sobre os seus cadros de persoal. As medidas serían, entre outras, as seguintes: 

– Creación dun fondo de garantía que permita ás empresas marcar o gasóleo a un prezo estable. 

– Exoneración, durante  un ano, do pagamento das cotas da Seguridade Social, tanto para os tripulantes como para os armadores dos buques.

– Bonificación do 60% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. 

– Exención do pagamento do imposto de sociedades.

– Intensificación das liñas de I+D+i encamiñadas a intensificar o aforro de combustible, o cambio de motor e do sistema de propulsión nos barcos pesqueiros.

– Posta en marcha dunha liña de axudas específica para financiar as paralizacións temporais, a través de fondos extraordinarios e da reprogramación de fondos europeos.