Lugo, a 24 de maio de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular quere que a Deputación elabore, no prazo dun mes, unha programación das obras paralizadas polo actual Goberno provincial na que se especifique a situación administrativa na que se atopan cada unha delas e se fixe un calendario para a súa execución.
Os populares levarán esta iniciativa ó vindeiro pleno da institución provincial ante a constatación de que todos os proxectos atópanse prácticamente no mesmo punto no que estaban o pasado 19 de novembro de 2007, día no que se celebrou, a petición do Grupo Provincial Popular, un pleno extraordinario para tratar precisamente a paralización das actuacións comprometidas en materia de infraestructuras por parte do anterior Goberno da Deputación e que o propio Goberno cifrou en preto de 50 millóns de euros.
Na opinión do PP, daquela o bigoberno non deu ningún argumento que xustificara a paralización destas obras, todas elas de gran relevancia para o desenvolvemento económico da provincia, xa na súa gran maioría refírense a actuacións nas estradas da rede provincial, dotacións deportivas, de materia social, abastecemento de auga e saneamento, e programas de colaboración en materia de turismo.
Ó único ó que reiteradamente fixo alusión o deputado delegado de Vías e Obras foi a que non tiñan asinadas as actas de replanteo. Unha razón que, tendo en conta as decisións adoptadas nas últimas xuntas de goberno sobre a execución de obras, non parece ser moi relevante e non impide a execución das mencionadas obras.