Ferrol, 23 de maio de 2008.- O Grupo Popular de Galicia vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa coa que pretende chamar a atención e conseguir solucións para rematar coas situacións de discriminación que afectan actualmente ao sector de percebeiros e redeiros, no que, ás carencias propias deste traballo, se une a elevada feminización dunha actividade que aínda carece de coberturas sociais estendidas á maior parte dos profesionais. A proposta foi presentada hoxe en Ferrol pola voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, que estivo acompañada do portavoz municipal, José Manuel Rey Varela.
O PPdeG buscará o apoio de socialistas e nacionalistas na Cámara galega para conseguir un acordo unánime co que instar ao Goberno central a incluír a profesión de percebeiras e percebeiros como unha actividade de risco. Iso permitiría que se acollan ás vantaxes sociais derivadas desta consideración, como a aplicación dun coeficiente redutor que permita adiantar a idade de xubilación destes traballadores.
Esta redución da idade de xubilación podería ser aplicada tamén ao colectivo de redeiras e redeiros incluídos no réxime especial de traballadores do mar da Seguridade Social a través do xa referido coeficiente redutor.
CONCILIACIÓN REAL.- De xeito paralelo, o PPdeG plantexa a necesidade de que a Xunta revise a normativa que regula estas actividades para que tod@s @s redeira@s, percebeir@as e demais traballador@as do marisqueo a pé podan acollerse ás medidas de conciliación laboral e familiar por nacemento, adopción e acollemento, embarazo e lactancia. A medida permitiría, por exemplo, que redeiras e percebeiras podan acceder ás prestacións por maternidade ás que, ata o de agora, non teñen dereito, superando o que López Abella define como un anacronismo inexplicable.
O Grupo Popular tamén reclama que no marco das políticas de igualdade que desenvolve a Xunta, se articulen as medidas necesarias para recoñecer o complemento, ata o cen por cen da base reguladora do subsidio económico por risco durante o embarazo para percebeiras, redeiras e demais traballadoras do marisqueo a pé, incluso cando a interesada non reúna os requisitos mínimos fixados para acceder a esta prestación.
A Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia obriga á Xunta a outorgar prioridade á situación das mulleres do sector marítimo pesqueiro, para o que deberá implantar programas e medidas destinadas a facilitar a súa integración laboral.
Ao tempo, determina a necesidade de que a Administración autonómica vele por integrar activamente o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes para evitar que, ben por diferenzas físicas ou por estereotipos sociais, se produzan desigualdades entre ambos sexos.
PSOE BNG DEBERÁN DEFINIRSE.- Con estes antecedentes, o Grupo Popular interpreta que PSOE e BNG están obrigados a apoiar a proposta presentada hoxe. De non facelo, “estarían a amosar a súa verdadeira faciana, a dun Goberno que promulga leis para a galería, buscando o impacto mediático, para esquecerse seguidamente das persoas ás que van destinadas”, en palabras da deputada popular.