Partido Popular de Lugo

ALCALDES SOCIALISTAS DAN UN NOVO EXEMPLO DE HIPOCRESÍA AO FLETAR E PAGAR OS AUTOBUSES QUE HOXE TRASLADON MANIFESTANTES A SANTIAGO PARA PROTESTAR CONTRA A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Santiago, 22 de maio de 2008.- Alcaldes socialistas de varios concellos galegos, como os de Portomarín e Triascastela, volveron protagonizar hoxe un novo exercicio de hipocresía política ao fletar e financiar algúns dos autobuses que esta mañá trasladaron a Santiago aos manifestantes que se concentraron fronte á Consellería de Educación para protestar contra a decisión de suprimir o primeiro ciclo da ESO nun total de 12 concellos. 

A manifestación, secundada por máis de milleiro de persoas, contou coa participación dos alcaldes socialistas de Portomarín e de Tricastela e de concelleiros e responsables políticos tamén socialistas e nacionalistas, molestos coa actitude da Consellería de Educación, que ademais de adoptar a medida sen consultar cos afectados, se nega a recibir aos representantes dese colectivo desde que se coñeceu a noticia. 

Para o PPdeG, este feito tamén pon en evidencia que a arrogancia e prepotencia de conselleiros como a titular de Educación, que adoptan medidas caprichosas sen consultar cos afectados nin valorar os prexuízos que se poden derivar delas, está a provocar un fondo malestar social que inclúe ao propio aparato socialista. 

O PPdeG recorda que no Pleno do Parlamento da pasada semana os deputados do PSOE e do BNG se negaron a apoiar unha proposición non de lei coa que o Grupo Popular pretendía instar á Xunta a deixar sen efecto a anulación do primeiro ciclo da ESO nos Concellos afectados. 

HIPOCRESÍA SEN LÍMITES.- “Só desde a hipocresía sen límites que o PSOE semella ter adoptado como eixe de actuación pode entenderse o sucedido esta mañá”, afirma o deputado popular César Pérez Ares, que participou na concentración, na que tamén tomaron parte concelleiros e portavoces municipais do PPdeG nos municipios que van perder o primeiro ciclo de ESO a partir do vindeiro curso escolar. 

Pérez Ares agarda que despois da manifestación de hoxe a Xunta reconsidere a decisión e, por primeira vez nosqw tres anos transcorridos desde o cambio de Goberno, tome en serio as diferentes necesidades do medio rural, incluídas as relacionadas co ámbito educativo.