Santiago, 21 de maio de 2008.- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, instou hoxe á Consellería que dirixe Carmen Gallego a solicitar un ditame xurídico do Consello Consultivo para dilucidar se a lexislación galega, estatal e comunitaria permite suavizar as fortes limitacións que o anteproxecto de lei de Pesca que ultima a Xunta pretende impoñer aos bateeiros galegos.
Balseiro Orol efectuou a proposta este mediodía, despois de se reunir no Parlamento con integrantes da Asociación Virxe do Rosario, de Vilaxoán, desconformes coas restricións que vai impoñer a norma que prepara a Xunta para transmisión de bateas entre particulares. Tanto o sector como o PPdeG entenden que esas condicións se poden suavizar, mentres que a Xunta argumenta que existen limitacións legais que impiden materializar tal proposta.
Para superar esta controversia, o PPdeG propón, de acordo coa afectados, solicitar un informe xurídico do Consello Consultivo de Galicia, aínda que a Consellería de Pesca se resiste a pedir tal ditame.
Sector e PPdeG recordan que a Comunidade de Murcia aprobou unha normativa similar hai menos de un ano que permite a transmisión de bateas entre particulares sen recoller as limitacións que se pretenden impoñer en Galicia. Neste caso, Murcia non atopou limitación algunha na lexislación estatal e europea, como argumenta a Xunta.
MENOS RESTRICCIÓNS.- O PPdeG propón que en lugar do concurso público que a Xunta de Galicia pretende establecer na nova lei para as transmisións mortis causa, para inter-vivos a partir do cuarto grao de consanguinidade e para as concesións que alcancen os 30 anos de antigüidade, o proceso se limite a un procedemento de información pública como o que se aplica na actualidade para os parques de cultivo de marisco.
O concurso público debería quedar limitado, a xuízo do Grupo Popular, para os polígonos de nova creación e para os puntos de fondeo que estean vacantes.
Na rolda de prensa celebrada este mediodía no Parlamento, o presidente da Asociación Virxe do Rosario, Javier Blanco, recordou que a proposta que defende está entidade está respaldada polos titulares de 813 bateas asentadas en Galicia.
CRISE DO GASÓLEO.- Javier Blanco tamén chamou a atención sobre o forte impacto que a subida do prezo do gasóleo está a ter sobre o sector mexilloeiro galego e apuntou que van celebrar unha asemblea para estudar a participación do colectivo en posibles mobilizacións.
Na reunión desta mañá, o Grupo Popular tamén estivo representado pola deputadas Marta Rodríguez Arias e Rosa Oubiña Solla.