Santiago, 14 de maio de 2008.- Os deputados socialistas e nacionalistas do Parlamento de Galicia opuxéronse hoxe en pleno a que representantes do Sindicato de Pilotos de Liñas Aéreas (SEPLA) e patróns dos pesqueiros que participaron nas labores de rescate do arrastreiro Cordero podan comparecer na Cámara para ofrecer a súa visión sobre os fallos rexistrados nos medios de salvamento que operan en Galicia, especialmente os relacionados co operativo de rescate activado a raíz do naufraxio deste pesqueiro.
Esta iniciativa formaba parte dunha moción presentada polo portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, na que tamén se solicitaba a creación dunha Comisión de Seguridade e Sinistralidade Marítima no Parlamento de Galicia, á que tamén se opuxeron os dous grupos que sustentan o goberno bipartito en Galicia.
Segundo José Manuel Balseiro, a negativa de BNG e PSdeG a artellar mecanismos de valoración, control e esclarecemento na Cámara galega sobre as posibles eivas do servizo de salvamento marítimo en Galicia só pode responder a que ao membros do Goberno da Xunta “non lles interese saber a verdade”; e acusou a socialistas e nacionalistas de tentar obstaculizar o esclarecemento do acontecido durante o naufraxio do Cordero coa súa postura. “Non podemos entender como poden negarse (PSdeG e BNG) a que os patróns que participaron no operativo do Cordero expliquen a súa visión do acontecido, sobre todo tendo en conta as dúbidas suscitadas en relación cos posibles fallos rexistrados nesta operación” reiterou Balseiro.
Nesta liña, cabe lembrar que existe constancia de que o arrastreiro Virgen de Faro, con base na Coruña, que partiu do porto da cidade herculina en canto foi lanzada a chamada de socorro do Cordero, chegou antes á zona do afundimento que a embarcación polivalente Irmáns García Nodal, dependente dos Gardacostas de Galicia, e que continuaba amarrada cando zarpou o pesqueiro. Os patróns teñen denunciado tamén a deficiente cobertura aérea prestada polos helicópteros de salvamento nas horas posteriores ao naufraxio.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular insistou tamén na súa comparecencia en Pleno que, despois dos fallos denunciados, a Xunta de Galicia debería elaborar un informe detallado sobre a situación na que se atopan os diferentes medios de salvamento de titularidade autonómica. En todo caso, para os populares galegos, este informe debería complementarse cunha auditoría externa que avalíe con plena independencia o funcionamento deses medios no operativo articulado despois do afundimento do Cordero.
Balseiro Orol insistiu en destacar a profesionalidade de todos os tripulantes dos diferentes medios de salvamento que operan en Galicia, que suplen coa súa entrega, poñendo en risco as súas propias vidas, a incapacidade dos responsables políticos deste servizo.