Partido Popular de Lugo

O PP PIDE EXPLICACIÓNS A MEDIO AMBIENTE POLO DESASTRE ECOLÓXICO PROVOCADO POR UNHA CANTEIRA EN SAMOS

Lugo, a 14 de maio de 2008.- Os deputados lucenses do Grupo Parlamentario Popular Jaime Castiñeira, Carmen Janet Salgado e Manuela López Besteiro interésanse no Parlamento galego pola situación  na que se atopa o río Castelo, no municipio de Samos, tras o desastre ecolóxico acontecido en novembro de 2006 como consecuencia do desplome dun vertedoiro empregado pola empresa Pizarras del Oribio, SL. 

Os deputados populares queren saber qué actuacións levou a cabo a Consellería de Medio Ambente e Desenvolvemento Sostible, se é que realizou algunha, para paliar os graves perxuizos ecolóxicos que se produciron.  

Os asinantes da pregunta para a súa resposta oral en comisión lembran que os escombros arrasaron tres quilómetros do cauce do río e levaron por diante, ademais da vexetación, varios muiños e presas, unha ponte e un mazo polo que non dubidan en calificar o acontecido como un atentado ó patrimonio arquitectónico do municipio. Lembran asimesmo que a zona afectada, ubicada na parroquia de Lampazas, está incluida na Rede Natura polo que a súa protección debe ser un dos obxectivos prioritarios da Consellería de Medio Ambiente. 

Os populares queren saber se, a tenor da gravidade dos feitos, a Consellería abriu algún expediente sancionador e, de ser afirmativa a resposta, cómo se calificou a infracción, qué multa se impuxo e se ésta foi xa abonada. Tamén interrogan á consellería polas medidas que se adoptaron para rexenerar e recuperar a zona afectada. 

Os deputados lucenses salientan que un dos propietarios da canteira que provocou este desastre e o responsable da concellalía de Urbanismo e Obras do Concello de Samos, o socialista José Manuel Pérez.