Partido Popular de Lugo

O PP ASEGURA QUE A CONSELLERIA DE TRABALLO FOI INCAPAZ DE XERAR EMPREGO NA PROVINCIA DE LUGO

Lugo, 12 de maio de 2008.- Os pactos territoriais polo emprego diseñados pola Consellería de Traballo “xa naceron mal ó establecerse seguindo criterios partidistas para asegurar a xestión da iniciativa a concellos gobernados polos socialistas e non buscando a súa operatividade”, asegurou hoxe en Lugo a voceira de Traballo do Grupo Popular, Beatriz Mato Otero, tras manter unha reunión de traballo con alcaldes e voceiros do Partido Popular dos 38 municipios lucenses adscritos ó plan na que tamén participou o Presidente provincial José Manuel Barreiro. 

Este último indicou durante a súa comparecencia ante os medios que os Plans Territoriais de Emprego enmárcanse dentro dunha “estratexia perfectamente definida” por parte dos dous partidos que integran o Goberno da Xunta “para quitar competencias ós concellos pola porta de atrás”. 

“PSOE e BNG non cren na política municipal. Cada un utiliza os mecanismo que ten ó seu alcance para centralizar competencias e restrinxir o poder político que non gañan nas urnas”, asegurou José Manuel Barreiro. 

O líder dos populares lucense explicou que dende a presentación deste plan a principios de ano “non se fixo nada” polo que animou ó responsable da Consellería de Traballo a que, “ademais de facer política, goberne a súa consellería e poña en práctica o plan polo emprego”. 

Pola súa banda, Beatriz Mato indicou que, tanto polo alto número de concellos incluídos como polas evidentes diferencias existentes entre eles, o pacto territorial do emprego de Lugo non será operativo. ¿Ten, por exemplo, algo que ver a política de emprego que se poida desenvolver en Lugo coa que se poida facer en Negueira de Muñiz?, preguntouse Mato Otero. 

Afecta, de feito, a sete partidos xudiciais e danse casos curiosos como que do Partido Xudicial de Vilalba quede fora Muras, que no de Chantada pase o mesmo co de Taboada e que en Mondoñedo se exclúa a Lourenzá. 

Mato tamén salientou que “a ninguén se lle escapa que canto máis grande e diverso sexa o entorno escollido máis complexa será a definición, primeiro da súa realidade, e segundo da políticas a aplicar”. 

“Dende o PP cremos que a definición territorial destes Pactos debería terse feito en base a criterios comarcais de emprego e non en base ós intereses políticos do PSOE, e consideramos que para ser experiencias pilotos debería comezarse cunha extensión de municipios máis pequena”. 

“Esto lévanos a ratificarnos na denuncia de que a elección deste municipios foi unha decisión puramente política co único fin de poder artellar catro chiringuitos máis ó servizo do PSOE e non do pobo”, engadiu. 

Beatriz Mato criticou que pese a que todos os indicadores poñen de manifesto a mala situación económica (un 4,6% de inflación, a máis alta dos últimos 13 anos; os visados de vivenda nova reducíronse un 33%; a venda de coches reduciuse en marzo nun 23,6%; ós créditos ó consumo caeron un  30% entre xaneiro e febreiro… ), dende o Goberno da Xunta se siga a negar a evidencia. “O Goberno da Xunta non fixo nesta lexislatura nada polo emprego e non foi nin sequera capaz de cumplir os seus obxectivos de xeración de emprego que fixaran en 33.000 ó ano. Só crearon unha media de 10.000 ó ano”, explicou, ó tempo que chamou a atención sobre o feito de que neste primeiro trimestre pecharan as súa portas 368 empresas en Galicia e unha veintena máis presentaron suspensión de pagos.