Partido Popular de Lugo

O GPPP PROPORÁLLE Ó PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN QUE AS XUNTAS DE GOBERNO SEXAN MENSUAIS

Lugo, a 10 de maio de 2008.- O Grupo provincial do Partido Popular presentará un rogo no vindeiro pleno da Deputación no que insta ó Presidente Goméz Besteiro a que cambie a periodicidade da celebración das xuntas de goberno e, na vez de celebrarse cada semana, se faga unha ó mes. 

Os populares argumentan a súa petición, segundo salientou o seu voceiro José Manuel Barreiro, na falta de contido das xuntas de goberno da que é bo exemplo, “dunha longa lista que reiteradamente vimos denunciando”, a que se celebrou onte. “Esto”, dixo, “é unha tomadura de pelo en toda regla”. 

“Se nos remontamos ós últimos 16 anos, nunca aconteceu algo semellante ó que está a pasar agora, e aí están as actas das xuntas de goberno para que as comprobe quen queira”, recalcou. 

Barreiro indicou que o seu grupo decidiu plantexar esta proposta ante a constatación de que o equipo de goberno da Deputación non ten demasiados asuntos que levar ás comisións e incluso as dificultades que parecen ter moitos dos seus integrantes para poder asistir a elas. 

“Así poderán tomar decisións máis sustanciosas ou cando menos máis abultadas e, de paso, aforraranlle a todos os lucenses un bo puñado de euros porque, aínda que a maioría dos convocados para asistir a estas xuntas teñen dedicación total ou parcial, non cabe dúbida que todo, calquera cousa que se faga, conleva un gasto económico”, apuntillou.