Partido Popular de Lugo

O PPdeG PIDE QUE O SEPLA E OS PATRÓNS DOS BARCOS PODAN COMPARECER NO PARLAMENTO PARA EXPLICAR A SÚA VISIÓN SOBRE OS FALLOS REXISTRADOS NOS MEDIOS AÉREOS DE SALVAMENTO MARÍTIMO

Santiago, 9 de maio de 2008.-  O portavoz de Pesra do Grupo Popular, José  Manuel Balseiro, proporá no Pleno do Parlamento da próxima semana que representantes do Sindicato de Pilotos de Liñas Aéreas (SEPLA) podan comparecer na Cámara para ofrecer a súa visión sobre os fallos rexistrados nos medios aéreos de salvamento que operan en Galicia, especialmente os relacionados co operativo de rescate activado a raíz do naufraxio do pesqueiro Cordero, acontecido na madrugada do pasado 15 de xaneiro. 

Baleiro Orol efectuará esta proposta no marco dunha moción para a que pedirá o apoio dos deputados socialistas e nacionalistas e que contempla tamén a creación dunha Comisión de Seguridade e Sinistralidade Marítima no Parlamento de Galicia. Este órgano proposto polo PPdeG permitiría estudar os problemas existentes na actualidade e ofrecería solucións  e medidas concretas encamiñadas a mellorar as condicións e os medios de salvamento e seguridade marítima en Galicia. 

EXPLICACIÓNS DOS PATRÓNS.- Nesta liña, o Grupo Popular tamén reitera a petición de comparecencia, en sede parlamentaria, dos patrón dos pesqueiros que participaron no rescate do Cordero para que expliquen, en primeira persoa, os fallos que eles percibiron no operativo despregado polas autoridades autonómicas e estatais. 

De feito, existe constancia de que o arrastreiro Virgen de Faro, con base na Coruña, que partiu do porto da cidade herculina en canto foi lanzada a chamada de socorro do Cordero, chegou antes á zona do afundimento que a embarcación polivalente Irmans García Nodal, dependente dos Gardacostas de Galicia, e que continuaba amarrada cando zarpou o pesqueiro. Os patróns teñen denunciado tamén a deficiente cobertura aérea prestada polos helicópteros de salvamento nas horas posteriores ao naufraxio. 

Considera o portavoz de Pesca do Grupo Popular que despois dos fallos denunciados, a Xunta de Galicia debería elaborar un informe detallado sobre a situación na que se atopan os diferentes medios de salvamento de titularidade autonómica. En todo caso, para os populares galegos, este informe debería complementarse cunha auditoría externa que avalíe con plena independencia o funcionamento deses medios no operativo articulado despois do afundimento do Cordero. 

Balseiro Orol insiste en destacar a profesionalidade de todos os tripulantes dos diferentes medios de salvamento que operan en Galicia, que suplen coa súa entrega, poñendo en risco as súas propias vidas, a incapacidade dos responsables políticos deste servizo.