Partido Popular de Lugo

O GPPP SOLICITA QUE A DEPUTACIÓN SE IMPLIQUE NA DEFENSA DO SECTOR PRIMARIO LUCENSE

Lugo, a 9 de maio de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular levará ó vindeiro pleno da Deputación unha moción na que se pide que administración provincial inste á Xunta e ó Goberno do Estado a adoptar medidas urxentes para paliar a crise na que está sumido o sector primario da provincia de Lugo, fundamentalmente no que atinxe á pesca e a gandeiría, no seu dobre ámbito de producción de carne e leite. 

Segundo explicou hoxe o voceiro dos populares na Deputación, José Manuel Barreiro, o sector primario e un dos pilares económicos fundamentais da provincia de Lugo e está a pasar por un dos seus peores momentos sen que, ata o momento, ningunha das administracións competentes para facelo adoptara ningún tipo de medida encamiñada a paliar ou cando menos reducir ou compensar o seu impacto. “Debemos defender os nosos sectores productivos básicos, solidarizarnos e axudalos o que sexa posible”, indicou Barreiro. 

Moitas explotacións gandeiras, tanto as que se adican á producción de leite como de carne, debido ás importantes baixas nos prezos da venta en orixe e as importantes subidas dos productos básicos precisos para a súa alimentación corren risco de desaparecer. 

Nos últimos meses, segundo salientou Barreiro, os custes dos fertizantes subiron o cen por cen; os pensos, o 40 por cento, mentres que o prezo do leite en orixe caiu nos últimos tres meses 12 céntimos de euro por litro e o da carne está por debaixo de catro euros o quilo. 

Tanto o sector pesqueiro como o gandeiro acusaron ademais a carestía do gasoleo, que chegou a incrementarse nun 127% dende o 2005, e máis dun 38% nos últimos seis meses. 

O PP quere, segundo indica na súa moción, que a Deputación inste á Xunta a adoptar unha batería de medidas:

 

· A habilitación dun mecanismo polo que se leven a cabo descontos directos ou rebaixas do custe fiscal aplicables ó prezo do gasóleo profesional, co obxecto de compensar o espectacular incremento dos últimos anos.

· Que se poña en marcha unha campaña de promoción dos productos pesqueiros e agrogandeiros destinada a fomentar a venda e consumo de peixe, carne e leite, e o establecemento dunha garantía de prezos mínimos para o productor. Que se garanta, ademais, a información ó consumidor sobor a orixe do producto, a súa trazabilidade e o cumprimento da normativa sanitaria e de etiquetado. 

· A posta en marcha dunha serie de medidas fiscais que inclúan a exención do pago de coutas da cotización á Seguridade social durante seis meses e desgravacións ou rebaixas no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e no Imposto de Sociedades que está a ser soportado polos axentes do sector pesqueiro e agrogandeiro. 

· Elaborar, xunto coas distintas administracións implicadas, sindicatos e organizacións pesqueiras e gandeiras máis representativas, un plan estratéxico para a pesca e para a gandeiría que sexa un instrumento de análise e determinación das medidas necesarias para a superación do modelo productivo, industrial e comercializador actual, e que permita e fundamente a adopción das actuacións que garantan a creación do verdadeiro valor engadido, coa finalidade de acadar empresas saneadas, capaces de crear riqueza para o país. 

· A tomar as medidas específicas oportunas para solucionar a difícil situación que está a atravesar o sector gandeiro (lácteo e cárnico).

· A realizar ante o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, como máximo responsable, as oportunas xestións para paliar o problema existente no sector pesqueiro e gandeiro. 

GPPP tamén pide na súa moción que este acordo sea remitido ó Presidente de Xunta de Galicia, á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, á Consellería de Medio Rural, ó Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e á Federación Galega de Confrarías de Pescadores.