Partido Popular de Lugo

O PPdeG PIDE QUE SE INCREMENTE O NÚMERO DE EFECTIVOS POLICIAIS DEDICADOS Á VIOLENCIA DE XÉNERO PARA EVITAR QUE 2008 REMATE CUN NOVO RÉCORD DE CASOS

Santiago, 7 de maio de 2008.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, ven de rexistrar no Parlamento  unha batería de iniciativas coas que reclama un incremento dos medios dispoñibles para combater a violencia de xénero co obxectivo de reducir o impacto desa lacra social e tratar de evitar que o ano 2008 remate cun novo récord de casos deste tipo. 

En concreto, López Abella agarda lograr o apoio de PSOE e BNG para instar á Xunta a xestionar co Goberno central un incremento do número de policías e gardas civís dedicados en exclusiva á prevención e loita contra a violencia de xénero, chamando a atención sobre a necesidade de que os axentes dispoñan de formación específica para este tipo de tarefas e dispoñan de comunicación directa e permanente coas vítimas reais ou potenciais. 

Con esta proposta, o PPdeG busca superar as carencias do modelo actual, integrado, na maior parte dos casos por axentes  en “segunda actividade”, maiores de 55 anos  e con limitacións para realizar determinadas actividades operativas. 

O segundo punto da proposición non de lei formulada por López Abella pide que se incremente o número de xulgados especializados en violencia de xénero e que estes órganos sexan dotados dos medios necesarios para garantir un funcionamento áxil. 

DESIDIA DA XUNTA.- A deputada popular chama a atención sobre a desidia da Xunta no cumprimento dos mandatos parlamentarios e recorda, como exemplo, que a finais do ano pasado, a Cámara galega aprobou, por unanimidade, unha iniciativa do PPdeG na que se reclamaba a creación de xulgados específicos de violencia doméstica en Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago. Sen embargo, a día de hoxe, cando xa transcorreron varios meses desde entón, o bipartito aínda non efectuou xestión algunha para materializar ese mandato da Cámara, a pesar de que tan só están en funcionamento dous xulgados específicos na Comunidade: na Coruña e en Vigo. 

A xuízo de López Abella tamén se fai necesaria a posta en funcionamento de oficinas de atención ás vítimas da violencia de xénero que faciliten asistencia xurídica inmediata ás afectadas ou ás que estean sometidas a situacións de risco potencial.  

Nesta liña, o PPdeG tamén considera precisa a creación de unidades forenses de valoración de riscos en todas as provincias galegas, ao tempo que reclama que os informes de valoracion de riscos para establecer medidas cautelares sexan elaborados coa participación de psicólogos e asistentes sociais. Na actualidade, estes informes son o resultado dun programa informático no que non intervén perito algún que poda efectuar  unha valoración persoal máis acaída a cada un dos perfís avaliados por ordenador. 

¿QUE FOI DA COORDINACIÓN ESTABLECIDA POR LEI? .- Do mesmo xeito, o Grupo Popular rexistrou na Cámara unha pregunta para coñecer se a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ten establecido algún tipo de mecanismo que garanta a coordinación entre as diferentes administracións no relacionado coa prestación de servizos sociais e sanitarios, tal e como recolle a lei integral galega contra a violencia de xénero.