Partido Popular de Lugo

O GPPP CALIFICA DE BOCHORNOSO QUE O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN NIN SEQUERA DÉ A CARA PARA XUSTIFICAR AS SÚAS AUSENCIAS

Lugo, a 6 de maio de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular califica de “bochornoso” que o voceiro dos socialistas na administración provincial, Antonio Gato, teña que dar a cara polo Presidente da Deputación e xustificar as súas ausencias nas xuntas de goberno. “E máis bochornoso resulta aínda o argumento esgrimido, porque aludir ás labores de representación resulta bastante pobre e pode  que sirvan para xustificar algunhas ausencias pero non todas”, engaden dende o Partido Popular. 

“O Sr. Besteiro faltou a máis da metade das comisións de goberno celebradas durante os nove meses que leva a presidir a institución e indicar que está no seu dereito a delegar nalgún vicepresidente, ademais de ser un argumento algo raquítico, é tirar a pelota a outro tellado sen lograr o obxectivo porque as ausencias dalgúns vicepresidentes a estas reunións tamén son notarias”, explicou o voceiro adxunto do GPPP José María González Barcia. 

“Nin sequera o Presidente da Xunta ou o Presidente do Goberno, que a bo seguro terán bastantes máis actos protocolarios ós que asistir, deixan de presidir as reunións dos seus respectivos gabinetes”, engadiu. 

O Sr. Gato tamén parece descoñecer, “nese intento pouco coherente de xustificar o inxutificable”, cal é a labor da oposición. “O PP asumiu perfectamente cal é o seu cometido como oposición: a nosa función é fiscalizar o pouco traballo amosado ata o momento polo equipo de goberno no que atinxe cando menos á xestión porque no que respecta á promoción política a cousa xa é radicalmente distinta”, indicou Barcia, que reprochou tamén ó voceiro socialista que “caera outra vez nese erro de botar a vista atrás para culpar a outros de todos os males sin que, polo momento, se deran mostras reais desa outra maneira de facer as cousas que din que teñen”. 

Para os populares, ata o momento o Presidente Besteiro só vendeu fume porque os orzamentos, “nos que se pode ver a concreción das intencións, pese os repetitivos anuncios de que xa falta pouco, nin están presentadas nin están aprobadas”.