Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG IMPOSIBILITAN QUE PROSPERE UNHA INICIATIVA DO PPdeG PARA SUPRIMIR O PLAN DE ACUICULTURA

Santiago, 5 de maio de 2008.- Os deputados dos grupos que apoian o Goberno da Xunta rexeitaron hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia unha iniciativa do Partido Popular solicitando a supresión do Plan Galego de Acuicultura. 

O voceiro de asuntos marítimos do PPdeG, José Manuel Balseiro, defendeu esta proposta, na que solicitaba da Xunta a retirada do devandito plan e o restablecemento do diálogo entre o sector e as partes implicadas “de tal xeito que o novo mapa acuícola cumpra coas expectativas do sector e poda contar co respaldo necesario”. A proposición non de lei popular propoñía tamén que, no caso de non aceptar dita retirada do plan, se eliminara do mesmo o parque emprazado na localidade de Seiruga, en Maplica de Bergantiños. 

Para Balseiro, o voto contrario dos dous grupos que conforman o goberno galego “retrata ben ás claras” a forma de proceder “dalgúns dos partidos que sustentan a Xunta”, en clara alusión ao grupo nacionalista. Na súa opinión, a postura do BNG “apoiando a título particular e de portas afora do Parlamento” a supresión do parque acuícola de Seiruga contrasta frontalmente co seu proceder “á hora de darlle ao botón no momento de votar no Parlamento”. 

Para o parlamentario popular este “dobre discurso cheo de continuas contradicións” dos nacionalistas “é a mostra da súa falta de credibilidade”. Así mesmo lembrou que o voto favorable do BNG sumado ao do PP obrigaría a Consellería de Pesca a rexeitar o plan galego de acuicultura e permitiría configurar un novo mapa acuícola con emprazamentos mellor estudados “onde coexista o interese medioambiental e veciñal co desenvolvemento económico galego”. 

REXEITAMENTO SOCIAL.- Balseiro Orol subliñou, por último, que o parque proxectado pola Xunta de Galicia na zona de Seiruga podería supoñer, “en opinión das organizacións ecoloxistas e veciñais”, un grave prexuízo para esta localidade, “por canto afecta a unha zona de especial interese natural, de grande riqueza paisaxística, mediambiental, patrimonial; e cunha grande potencialidade turística”.