Partido Popular de Lugo

OS SOCIOS DO BIPARTITO BLOQUEAN NO PARLAMENTO UNHA INICIATIVA DO PPdeG PARA CREAR UN ÓRGANO DE PROMOCIÓN DO TURISMO MARIÑEIRO COMA COMPLEMENTO DA ACTIVIDADE PESQUEIRA

Santiago, 5 de maio de 2008.- Os grupos parlamentarios de PSdeG e BNG rexeitaron hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia unha iniciativa do Partido Popular na que solicitaba a posta en marcha dunha Fundación para a promoción do turismo coma complemento da actividade pesqueira artesanal nos distintos portos e confrarías doa costa galega. 

Esta iniciativa do Partido Popular era unha emenda de adición á proposta presentada polo BNG neste mesmo sentido, “e pretendía ampliar e mellorar o solicitado polo Bloque” sinalou José Manuel Balseiro, voceiro de Pesca do Partido Popular en asuntos de Pesca. 

O parlamentario popular valorou negativamente o rexeitamento por parte dos dous grupos de Goberno na Xunta da inclusión desta emenda dentro da proposta inicial, que solicitaba do Goberno central a creación dunha normativa básica en materia de navegación marítima que permita o desenvolvemento do turismo mariñeiro nas condicións adecuadas de seguridade e que finalmente saíu adiante cos votos favorables dos tres grupos parlamentarios. 

Segundo Balseiro, a proposta do Partido Popular non desvirtuaba, “en modo algún” o obxectivo inicial da proposta defendida polo BNG, “senón que servía de complemento e de afianzamento do compromiso da Xunta en promover e potenciar o turismo mariñeiro no noso litoral coma unha fonte de ingresos para os nosos pescadores artesanais”. 

A emenda do PP solicitaba o acordo dos grupos para instar da Xunta de Galicia a promoción dunha fundación con patróns públicos e privados para o Turismo do Mar, que aglutinara todas as iniciativas actuais nesta liña existentes en Galicia. Así mesmo, os populares tamén solicitaban a creación dun “label” de calidade para este tipo de turismo.