O Incio, 28 de abril de 2008.- Feijóo promete apoiar aos pais para manter a educación no rural e acorda que os concellos financien profesores de ingles en horas non lectivas. Ademaís, o PPdeG presentará mocións en todos os concellos afectados para defender o mantemento do primeiro ciclo de ESO. Así o puxo de manifesto hoxe, en O Incio, na reunión con representantes dos pais afectados, preocupados porque a Consellería de Educación pretende pechar este ciclo en once concellos.
O presidente do PPdeG, que lembrou que a medida afecta a 12 centros en Galicia: 7 en Lugo, 4 en Pontevedra e 1 en Ourense e a preto de 300 familias, subliñou que coa supresión dos centros, os alumnos terán que percorrer ata 30 quilómetros para desprazarse ata os colexios.
‘A estes quilómetros –matizou Feijóo- haberá que sumar a distancia que hai desde as súas casas á antiga escola, ademais de ter que realizar dous transbordos. Estamos a falar de que os rapaces sairán dos seus fogares ás oito da mañá e volverán as catro da tarde, sen xantar’.
O BIPARITO SEGUE A DICIR UNHA COUSA E A SÚA CONTRARIA.- Núñez Feijóo anunciou, tamén, que o Grupo Popular está a presentar unha batería de preguntas no Pleno do Parlamento e nas Comisións para que o Bipartito informe sobre o que está e vai a suceder, xa que ‘ante este problema, atopámonos coma sempre con que o Goberno está a dicir unha cousa e a súa contraria, en función da parte -do PSOE ou do BNG- que se pronuncie’.
‘Unha vez máis, ante un problema –dixo- o bipartito intenta enganar e confundir á poboación e é capaz de dicir unha cousa e a súa contraria segundo a parte do Goberno que fale. Así, atopámonos con que a Xunta quere pechar os centros; Educación di que o peche é inamovible e; Medio Rural di que os centros non se van pechar’.
Diante desta situación, o Partido Popular espera que o Presidente da Deputación de Lugo se pronuncie no Pleno da Deputación sobre a súa postura do que vai facer a Xunta.
A GALICIA INTERIOR SAE NOVAMENTE PERDENDO.- Para Núñez Feijóo, a única realidade é que o PSOE e o BNG forman os dous gobernos de Galicia, e ámbolos dous pechan o primeiro ciclo de ESO en 11 concellos de Galicia.
‘A realidade é –engadiu- que mentres o bipartito fala de conciliación de vida laboral e familiar, o Decreto supón que os irmáns irán a distintas escolas e os pais terán máis problemas para poder atender aos seus fillos’.
Asimesmo, Feijóo asegurou que mentres o bipartito está a anunciar a bombo e pratillo grandes plans de reequilibrio territorial no interior o certo é que se están a suprimir ciclos de ESO no interior de Galicia, permitindo que moitas familias se vexan forzadas a abandonar determinadas localidades debido á falla de servizos educativos.
TRIPLE INCOMPETENCIA.- O líder dos populares galegos afirmou que, o presidente da Xunta, na pouca atención que lle dedica á educación, demostra unha triple incompetencia do seu Goberno.
‘Incompetencia –dixo- porque non se inviste ben, e os resultados están á vista; incompetencia porque son incapaces de executar o que eles mesmos presupostan e comprometen; e incompetencia porque a pesar de haber orzamento e medios para mellorar a situación, non se fai nada’.
Núñez Feijóo lembrou que a Consellería de Educación leva tres anos con grandes anuncios publicitarios e poucos feitos. ‘Primeiro –explicou- prometeron a gratuidade total nos libros de texto e os pais seguen a pagar facturas para adquirilos; logo prometeron un ordenador por cada dous alumnos e o Ministerio de Educación afirma que Galicia está a cola en ordenadores por alumnos; e agora, mentres a Educación galega é unha das peores do Estado, a Xunta decide recurtar prestacións no interior de Galicia’.
O presidente do PPdeG recordou que na actualidade, os datos deixan ao descuberto que as cousas en Galicia no tocante á Educación non van ben. ‘Nos indicadores internacionais, vendo os datos por comunidades, Galicia está á cola en Ciencias e Matemáticas e no índice de lectura é a segunda peor, 5,7 puntos por baixo da media española e 20 puntos baixo a media europea’.
Ante esta situación, Núñez Feijóo reclamou un impulso real e efectivo para a Educación galega, ‘que substitúa a incompetencia pola eficacia’. ‘É necesario, -dixo- e de xeito urxente, incrementar os recursos materiais e impulsar definitivamente os centros en construción e en proxecto’.