Partido Popular de Lugo

O GPPP INSTA A DEPUTACIÓN A DEFENDER A CONTINUIDADE DAS FUNDACIÓNS COMARCAIS

Lugo, a 27 de abril de 2008.- A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia acaba de elaborar un anteproxecto de lei pola que se suprimen os instrumentos de xestión e promoción previstos na Lei 7/96, de 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal e na que se modifica ademais o réxime xurídico das fundacións para o desenvolvemento das comarcas. A nova normativa conlevará un cambio sustancial no funcionamenento das propias fundacións para desenvolver o seu cometido. 

Por esta razón, o Grupo Provincial Popular presentará unha moción no vindeiro pleno da Deputación no que solicita que a administración provincial inste á Consellería de Medio Rural a que manteña as Fundacións Comarcais co mesmo carácter que tiña ata o momento como elementos dinamizadores do medio rural. 

Os populares queren tamén que a Deputación reclame á Xunta que no mencionado anteproxecto de lei se contemple que todo o persoal que actualmente presta servicio na SITGA, na Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal e nas Fundacións Comarcais, se incorporen á Administración Autonómica de Galicia mantendo as mesmas condicións contractuais que teñen neste momento. 

O GPPP recalca na súa moción que as actividades e actuacións levadas a cabo polas fundacións en defensa do medio rural son incuestionables e que abarcan ámbitos moi diversos, que van dende a promoción socioeconómica á turística, pasando pola propia difusión cultural, pero que coa nova normativa non está asegurada a continuidade de todas estas actuacións que, por norma xeral, foron sempre moi  ben acollidas tanto polos concellos como polos propios cidadáns. 

Os populares tamén detectan certa indefinición no que atinxe ó futuro do persoal que presta os seus servicios nas fundacións, podendo incluso incubrir un posible despido, o que está a xerar unha lóxica inquietude entre os afectados.