Santiago, 26 de abril de 2008-. O voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Popular, Xosé Manuel Balseiro, desvelou hoxe, en rolda de prensa, que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos deixou de investir en 2007 o 47,8% do seu orzamento, 131 millóns de euros fronte aos máis de 275 millóns cos que contaba, diante dun sector afogado polo prezo do combustible e pola perda de competitividade.
‘Segundo os datos oficiais, -explicou- con data 31 de decembro de 2007, Pesca dispoñía de 275.290 millóns de euros de crédito vixente e tan só comprometeu 143.588 millóns, polo que preto da metade do orzamento da Consellería quedou, o ano pasado, sen executar’.
Crédito vixente A 31 de decembro 07 |
275.290 Millóns euros |
Obrigas recoñecidas a 31 de decembro 07 |
143.588 Millóns euros |
Sen executar |
131.702 millóns de euros (47,84 %) |
A CONSELLERÍA QUE PEOR EXECUTA OS SEUS ORZAMENTOS.- Diante destas cifras, o voceiro popular, que asegurou que das 14 Consellerías que compoñen o Goberno galego, Pesca é a última en grado de execución orzamentaria, quixo subliñar unha evidente incapacidade de xestión do departamento de Carmen Gallego.
‘Ano tras ano, -dixo- Gallego sitúa á Consellería de Pesca no farolillo vermello das consellerías por ser a que peor executa os seus compromisos orzamentario’, aseverou.
A CONSELLERÍA CON MENOS CRECEMENTO ORZAMENTARIO.- Para Balseiro, estes datos aínda son máis negativos se temos en conta que o departamento de Pesca é un dos que menos crecemento orzamentario experimentou ao longo de toda a lexislatura. ‘Os orzamentos da Consellería para 2008 medran só un 2,6%, cando a media de crecemento da Xunta se sitúa no 7,3%’.
Estes datos contrastan coa suba do 13,13% operada tan só en 2005, no último orzamento elaborado polo anterior Executivo do PPdeG. Mentres que hoxe, o crecemento de 2006, 2007 e 2008 sitúase tan só en 9,34%, case 4 puntos menos.
Segundo Xosé Manuel Balseiro, esta situación obedece a dúas realidades: que socialistas e nacionalistas teñen moitas dificultades para gobernar, ‘se pelexan por conseguir diñeiro e logo non son capaces de gastar o orzamento que teñen asinado nos presupostos da Xunta’, e que a Consellería de Pesca ‘boicotea’ os seus propios presupostos.
EXECUTADO O 100% DO PRESUPOSTO PARA ASESORES E PERSOAL DE CONFIANZA.- O voceiro popular subliñou que no único apartado no que a Consellería executou o 100% do seu orzamento é nos 266.000 euros do presuposto previsto para asesores e persoal de confianza.
‘Neste apartado, -lembrou Balseiro- a conselleira si se esforzou por gastar todo o que tiña previsto, cousa que non ocorreu con outras partidas’.
PERDA DE OPORTUNIDADES.– Analizando polo miúdo os datos, as cifras son altamente preocupantes, xa que ano tras ano, asistimos a unha perda de oportunidades e a demoras na posta en marcha de programas e proxectos de gran importancia para a nosa pesca.
Así, o Capítulo 7 destinado á dinamización do sector empresarial da Pesca, tan só rexistra un grado de execución do 31,1%, moito menos da metade do orzamento recoñecido nesta área: dun crédito vixente de 170.466 euros, recoñeceu tan só obrigas por valor de 53.120 euros.
‘Mentres o prezo do combustible afoga ao sector, -denunciou Balseiro- atopámonos con que a consellería de Pesca non inviste o suficiente en apoio directo á nosa pesca’.
PERDA DE COMPETITIVIDADE.- Para Balseiro, a demora na execución de infraestruturas pesqueiras e proxectos dinamizadores, como consecuencia da falla de investimentos, tradúcese nunha perda de competitividade para a pesca galega.
‘A mala execución do orzamento que se produce en cada exercicio impide xerar riqueza no noso mar e dá ao traste coa posibilidade de crear novas oportunidades de emprego’.
18,3 MILLÓNS RETIRADOS DE OFICIO.- Ante a incapacidade manifesta da conselleira, Xosé Manuel Balseiro lembrou que o Consello da Xunta do 20 de decembro de 2007 veuse na obriga de retirar de oficio 18,3 millóns de euros que Pesca non foi quen de comprometer nos proxectos para os que se previron.
Estamos a falar, por exemplo:
– Da perda de 386.116 € para melloras dos plans de pensións das mariscadoras.
– Perda de 1,1 millóns de euros destinados ao seguro do mal tempo, ‘por ser este un instrumento que naceu viciado, incapaz de servir para o fin polo que foi creado’.
– Os Gardacostas de Galicia perderon 1,4 millóns de euros, ‘que ben poderían terse investidos en reforzar a loita contra o furtivismo, en sacar ao mar as lanchas dos gardacostas que permanecen amarradas e en mellorar os medios de salvamento’.
– A parálise acuícola do bipartito obrigou á Xunta a retirar máis de 6,2 millóns de euros en orzamento para este sector, ‘polo que periga o noso liderado mundial na acuicultura.
– O Goberno do cambio perdeu tamén 350.542 euros destinados a medidas de carácter socioeconómico.
– Perda de 770.000 euros en axudas directas a pescadores.
– Perdéronse preto de 1 millóns de euros para proxectos de investigación, divulgación e transferencia tecnolóxica, ‘demostrando a verdadeira faciana dunha Consellería en coma, que non pensa en clave de futuro’.