Partido Popular de Lugo

SANIDADE ADIANTA A CITA Á PACIENTE Á QUE TIÑA PREVISTO REALIZAR UNHA MAMOGRAFÍA DENTRO DE 20 MESES PARA ESCAPAR DA PRESIÓN MEDIÁTICA

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2008.- Sanidade adiantou a hoxe a cita á paciente á que non emprazou ata novembro de 2009 para realizarse unha mamografía, pero só tras ver a repercusión mediática que tivo a denuncia formulada onte polo PPdeG. Feijóo onte mesmo lamentou o deficiente funcionamento da sanidade, así como casos concretos como o dunha paciente ourensá á que lle deron cita para unha proba diagnóstica para dentro de 20 meses a pesar de estar considerada como “preferente”, debido á gravidade dos indicios que presentaba, cun nódulo atopado nunha mama.

 

Os populares non poden senón alegrarse pola decisión da Xunta de solucionar o caso desta persoa, pero lamentan que o Goberno galego non trate senón de escapar da presión dos medios xurdida tras a denuncia do Grupo Popular. “O interese do Goberno por mellorar a Sanidade galega é o mesmo que hai dous días, o mesmo que lles levou a pechar axendas e listas de espera, a non dar citas e a colpasar o sistema sanitario. O que tratan agora é de, a través dun caso concreto, rebaixar a alarma xerada na sociedade”, asegura o portavoz de Sanidade dos populares, Miguel Santalices.

 

Onte o Presidente da Xunta non dixo a verdade e “negou a maior” ante a denuncia de Feijóo polo que é necesario que dea explicacións, porque o que ocorre é que se denega atención a persoas, con nome e apelidos.

 

O deputado do PPdeG cre que xunto con esta persoa hai moitos máis casos que merecen unha solución concreta ao seu problema, e iso pasa por “solucións globais e urxentes”. Ademais, insistiu en que a actual conselleira está deslexitimada para capitanear as melloras que precisa o sector, posto que ata agora non mostrou máis que incapacidade e falta de sentido común.

 

Santalices recordou que non queda un só colectivo sanitario sen manifestarse en contra do Goberno, que as listas de espera oficiais seguen crecendo, e as extraoficiais, aquelas cuxa existencia segue negando o Goberno, son cada vez máis e compostas por máis xente. O deputado popular engadiu que con 50.000 persoas esperando unha intervención cirúrxica e 300.000 agardando unha consulta médica, o cambio de modelo urxe, e máis tendo en conta que todas as solucións que se están improvisando pasan.

 

 

APERTURA DE LISTAS EN MONFORTE.- Pola súa banda, o tamén deputado, Dámaso López, denunciou a “desvergoña” da Xunta, que só tralas denuncias dos populares volveu a abrir as axendas nos centros da área de Monforte, pechadas desde fai semanas, e que viñan denegando aos pacientes citas para someterse a probas diagnósticas, intervencións ou ata consultas cos especialistas. 

A xuízo de López, isto non fai senón evidenciar que o Goberno galego só móvese respondendo aos seus propios intereses, actuando fronte á crise sanitaria só cando a súa imaxe pública pódese ver afectada a través dos medios de comunicación, pero non cando os galegos padecen os efectos dun sistema mal xestionado, lento e que deriva en mil e unha complicacións.