Lugo, a 23 de abril de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular considera que “o terceiro pase da película de María José Vega Buján sobre o Plan de Turismo da Deputación xa aburre e cansa, dado que o único novo son os pinchos do remate. O contado en Lugo, Monforte e San Ciprián foi o mesmo e non houbo mención expresa en ningún dos casos a posibles diferencias segundo as comarcas”.
No caso da presentación de hoxe en San Cibrao, segundo sinala o voceiro adxunto do Grupo Provincial do PP, José María González Barcia, non houbo ningunha mención concreta á comarca, nin tan siquera á posible participación da Deputación no Consorcio de Turismo que están impulsando os concellos dende hai anos, cando resulta que este é o maior logro en materia de turismo que se ten conseguido en colaboración coas fundacións comarcais.
Tampouco houbo compromisos económicos para o presente ano, recalca Barcia, e “volveuse a dar a lata co conto das guías turísticas e coa sinalización, esquecendo que na Mariña xa hai sinalización turística e que no caso da Mariña Occidental fíxose a través dun programa europeo”.
O voceiro adxunto do GPPP manifestou que, no tocante ás oficinas de información de turismo, Vega Buján non se comprometeu a facer unha colaboración xeneralizada, polo que sospeitamos que reducirá ós mesmos.
Barcia tamén lamentou que non asistira ningún dos alcaldes socialistas e nacionalistas da comarca e tampouco ningún dos deputados socialistas da Mariña. “O que demostra que este plan, alomenos para a Mariña, nace xa non coxo, senón manco, e que costará traballo que algún Concello entre polo aro que vai impoñer a deputada provincial Vega Buján”.
Na súa opinión é preferible que non se fagan máis presentacións porque “o derroche de medios está sendo enorme e só contribúen a tentar mellorar a imaxe de Vega Buján dentro do Grupo Provincial do BNG. Ela saberá por qué”.