Martes, 22 de abril de 2008.- O Grupo Municipal de Monforte vén de rexistrar unha moción para que a corporación se dirixa á Consellería de Sanidade demandando que se elimine calquera referencia ó viño da “Lei integral en materia de drogodependencias e outros transtornos aditivos”.
Manuel Eiriz puxo de manifesto que “tal e como está plantexado na actualidade, este proxecto lexislativo constitúe unha agresión en toda regra aos produtores e comercializadores do sector vitivinícola da Ribeira Sacra polos prexuízos que vai provocar a curto e medio prazo”.
O Partido Popular monfortino lamenta que o bipartito pretenda converter ó viño nunha droga tóxica, suxeita a numerosas limitacións.
Lei específica.-
O voceiro do Grupo Popular puntualizou que sería moito máis útil e de sentido común que se redactase unha lei específica do viño en Galicia na que se tivese en conta a opinión do sector: “É evidente que é necesario regular a publicidade do viño e evitar o seu consumo por menores de 18 años, pero esta debería levarse a cabo nunha lei específica do sector vitivinícola tal e como se fai noutros países europeos”.
Eiriz confía en que ó alcalde nacionalista demostrará, no próximo pleno, votando a favor desta iniciativa popular, o seu compromiso con este sector tan importante na comarca. O Partido Popular cre que é mellor que recoñezan, antes de que sexa demasiado tarde, que meteron a pata “si o anteproxecto de lei vai para adiante será tan culpable o BNG como o PSOE xa que os seus deputados forman parte do Goberno que o promove e que ofrece sustento parlamentario a todo este tipo de iniciativas lexislativas”.
Lexislación.-
Os populares entenden que o anteproxecto de lei de Drogas do Goberno bipartito supón unha regresión inasumible no tratamento legal do viño. De feito, a Lei estatal 24/2003, da Viña e do Viño, define ao viño como un “alimento natural”, chegando a “recomendar o consumo moderado e responsable do viño”. Posteriormente, a Lei autonómica 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade agroalimentaria galega define como produto alimentario “calquera produto ou substancia , incluído o viño e as bebidas espirituosas …”. Deste xeito, se entende que Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, está superada polas normas posteriores que asimilaron o viño cos alimentos saudables.
O Grupo Popular monfortino lembrou que esta non é a primeira vez que o Goberno central do PSOE tenta establecer unha normativa restritiva sobre o viño, en alusión a un proxecto da galega Elena Salgado, que dada a elevada oposición social, fracasou.