Partido Popular de Lugo

MILLEIROS DE GANDEIROS GALEGOS SITÚANSE AO BORDE DA QUEBRA POLO DESCENSO CONSTANTE DOS SEUS INGRESOS MENTRES SE DISPARAN OS CUSTES DE PRODUCCÓN

Santiago, 18 de abril de 2008.- Milleiros de explotacións gandeiras de Galicia dedicadas á produción de carne bovina sitúanse actualmente ao borde da quebra como consecuencia da delicada situación económica que atravesan, cos prezos en orixe sumidos nunha espiral descendente, mentres os gastos de produción se disparan, segundo denunciou este mediodía o portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro. 

O tamén voceiro adxunto do Grupo Popular puxo como exemplo que no último semestre, o prezo que perciben os gandeiros en orixe polos animais que venden descendeu unha media de entre 60 e 90 céntimos. Mentres, os fertilizantes subiron un 85%, o combustible 80 céntimos por libro, os pensos aumentaron un 30% e a cotización á Seguridade Social rexistrou unha suba de 40 euros mensuais.

 

 

DOUS GOBERNOS SEN ESTRATEXIA.- Neste escenario, Castro García botou en falta unha actitude proactiva da Administración, tanto da autonómica como da central, para articular unha estratexia que permita superar a crise e conxurar o risco de peche masivo de explotacións.

 

 

Cuestionou que a Consellería de Medio Rural “mira cara outro lado” demostrando a incapacidade do Goberno bipartito para facer fronte aos problemas do sector primario, mentres o Goberno central está ocupado “fusionando competencias nunha estratexia de incerto resultado que, como primeira medida, vai provocar que a agricultura non teña un Ministerio específico”.

 

 

Con todo, o deputado popular convida a Elena Espinosa, á que denominou como a “ministra dos tres medios” a que teña un “xesto de boa vontade do agro galego” e xestione unha exención do pagamento das cotas da Seguridade Social para os labregos e gandeiros de Galicia mentres non se articula un ha estratexia específica que permita superar o difícil situación económica que atravesa o sector.

MARXES COMERCIAIS ABUSIVAS.- Ao seu xuízo, as elevadas marxes comerciais dos intermediarios –os descensos dos prezos que cobran os gandeiros non se trasladan despois á factura que aboan os consumidores cando fan a compra- requiren unha actuación expresa da Administración que, polo de agora, aínda non se produciu.

 

En opinión do PPdeG, a profunda crise que atravesan os gandeiros galegos xustifica as mobilizacións que se están a anunciar. A absoluta parálise dos Gobernos autonómicos e central aboca aos afectados a utilizar medidas de presión que non serían necesarias de existir sensibilidade gobernamental fronte aos seus problemas.

Roberto Castro formulará, no Pleno do Parlamento da próxima semana, unha interpelación dirixida ao conselleiro de Medio Rural  para que explique se a Xunta ten prevista algunha medida coa que facer fronte á crise que atravesan os gandeiros galegos.