Santiago, 16 de abril de 2008.- O presidente da Xunta prefire priorizar os seus privilexios e os dos colaboradores en lugar de apoiar aos sectores máis desfavorecidos, como os perceptores de pensións non contributivas, nun momento no que están perder poder adquisitivo cada día, co IPOC interanual disparado nun 4,6%.
Susana López Abella, portavoz de Igualdade do Grupo Popular recorda que o complemento anual de 200 euros para as pensións non contributivas anunciado hoxe por Touriño suporá unha media de 16,6 euros mensuais, cifra que equivale á terceira parte da proposta formulada neste sentido polo PPdeG.
PSOE E BNG REXEITARON A SUBA DE 50 EUROS MENSUAIS.- No trámite parlamentario dos Orzamentos da Xunta para 2008, o Grupo Popular propuxera incrementar as pensións non contributivas en 50 euros mensuais a cambio de reducir un 0,5% os gastos de funcionamento da Xunta de Galicia, pero tal proposta foi rexeitada cos votos en contra de socialistas e nacionalistas.
Para o PPdeG resulta indecente que Touriño incrementase en 2008 os gastos de funcionamento da Xunta nun 9% e o de asesores nun 7%, mentres agora se limita a dedicar as “fungallas” a complementar as pensións mínimas, reducindo en máis dun 50% a proposta de incremento formulada no seu momento polo Grupo Popular para estas prestacións.
Cando produtos básicos como o leite subiron un 27,8% nos últimos 12 meses, o pan un 13,1% e a carne de ave un 10,9%, ofrecer 16 euros ao mes para as pensións mínimas revela que “Touriño e os seus colaboradores viven alleos á realidade, coa residencia de Monte Pío convertida nunha fortaleza inexpugnable para os problemas cotiás aos que deben enfrontarse os cidadáns, especialmente os máis desfavorecidos e con menor poder adquisitivo”.
A paga anunciada hoxe por Touriño non chega sequera para compensar a suba do pan e do leite que consumen os perceptores da mesma, láiase López Abella