Partido Popular de Lugo

PESCA CONFIRMA QUE MENOS DO 4% DA FLOTA GALEGA SUBSCRIBIU O SEGURO DO MAL TEMPO

Santiago, 14 de abril de 2008.- Os datos ofrecidos hoxe no Parlamento polo secretario xeral da Consellería de Pesca,  Miguel López Sieiro, confirman o “sonado fracaso” dun dos proxectos estrela do Goberno bipartito: o seguro pola paralización da actividade pesqueira e perda da produción, máis coñecido como seguro do mal tempo. Tan só un 4% da flota, é dicir, 200 dos preto de 5.000 barcos que faenan en Galicia teñen subscrita a póliza auspiciada polo departamento autonómico que dirixe a socialista Carmen Gallego.

 

 

Os números son aínda moito máis esclarecedores se atendemos aos datos de subscricións por segmento de flota. Tan só se teñen acollido a este seguro 90 dos 4.542 barcos de artes menores, unha das 100 embarcacións de arrastre e 8 dos 167 barcos censados no cerco de litoral.

 

 

Para o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, os datos acreditan “o que xa se sabía e nós sempre denunciamos, que o seguro do mal tempo obtivo, pola súa deficiente configuración, un amplo rexeitamento do sector, polo que non está a ser un instrumento eficaz para compensar as perdas dos mariñeiros e para evitar que estes traballadores saían a faenar nos días de forte temporal”.

 

 

Por iso, os populares volven a facer pública a súa reclamación. En palabras de Balseiro Orol, “é necesaria a reforma inmediata dos criterios empregados para que un subscritor poida beneficiarse da cobertura do seguro”. Segundo o PPdeG, limitarse a ter en conta a altura das ondas e o número de días que, de xeito consecutivo, se rexistre o temporal “non é suficiente, e non resulta funcional”.

 

 

A este respecto o deputado popular lembrou que a configuración actual do seguro esixe que, para facer efectivas as indemnizacións, deben rexistrarse entre 4 e 5 días de ondas dunha altura comprendida entre os 6,5 metros (desde A Guarda ata Touriñán e de Prioriño a Ribadeo) e os 5,5 metros (entre Touriñán e Pioriño). Sen embargo, as características dos temporais que azoutan a costa galega fan que sexan moi escasas as épocas nas que se rexistren eses parámetros.

 

FORZA DO VENTO.- José Manuel Balseiro mantén que unha posible solución para obter un maior número de beneficiarios deste seguro podería ser “considerar a forza do vento coma  baremo para determinar as indemnizacións”, un criterio que xa no seu día foi proposto polo Grupo Popular nunha iniciativa parlamentaria, “conscientes de que era o que demandaba o sector” pero que o BNG e o PSOE “negáronse a considerar”.

 

 

PESCA OCULTA OS MALOS DATOS.- O número dous do departamento autonómico que dirixe a socialista Carmen Gallego ofreceu estes datos no transcurso da súa comparencia na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia en resposta a unha iniciativa do Grupo Popular que se interesaba polo grado de adhesión a este seguro. A pregunta foi rexistrada xa fai cinco meses, o 11 de novembro de 2007 e, desde entón, esperábase a resposta escrita da Consellería. Ante este retraso, o PPdeG solicitou unha resposta oral en comisión, que se produciu hoxe. 

 

 

Balseiro Orol tamén subliñou que, pese ao “mínimo éxito acadado”, o Goberno galego ten destinado máis de 2,7 millóns de euros, nestes dous últimos anos, “para promover e subvencionar un seguro que na súa configuración actual non resulta útil para o sector”. O Grupo Popular entende que isto é “ unha boa mostra do cegas e erradas que están a ser as iniciativas postas en marcha desde a Consellería de Pesca e o mal empregados que están os cartos xestionados por este departamento autonómico, xa que non redundan en beneficio da flota, dos armadores e dos mariñeiros”

 

 

Finalmente, Balseiro Orol reprochou que a Consellería de Pesca continúe afirmando que o seguro do mal tempo é un instrumento útil para o sector “xa que a todas luces constitúe un instrumento fraudulento, que non sirve para a finalidade pola que se concibiu”. Segundo o deputado popular, a Xunta está a caer na “na autocompracencia exculpatoria, propia de quen está piques de esgotar todos os argumentos para intentar xustificar o seu fracaso”