Partido Popular de Lugo

BARREIRO COMPROMETEUSE EN BURELA A PRESENTAR UNHA INICIATIVA NO SENADO PARA AXILIZAR A CONSTRUCCIÓN DO CORREDOR BARREIROS-SAN CIBRAO

Burela, a 14 de abril de 2008.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro, xunto co secretario xeral José Manuel Balseiro, participou hoxe en Burela nunha reunión coa executiva local, que encabeza José María González Barcia, e na posterior asamblea de afiliados.

O líder provincial dos populares fixo referencia durante o encontro ós resultados das pasadas eleccións Xerais, salientando que o PP foi a forza maioritaria, respaldada por case o 48 por cento dos votantes, case 12 puntos por riba do PSOE e preto de 36 con respecto ó BNG. Barreiro tamén destacou o feito de que, en comparación coas municipais, melloráronse os resultados en un punto e medio e animou ós asistentes a seguir traballando duro para incrementar aínda máis o número de votos nos vindeiros comicios autonómicos.

Ademais, José Manuel Barreiro amosouse sensible á queixa expresada polos populares de Burela sobre o atraso que acumula a execución do corredor Barreiros-San Cibrao. Unha demora que, segundo salientou, está a perxudicar o desenvolvemento económico do concello e da Mariña en xeral.

Barreiro, na súa calidade de senador, comprometeuse a presentar na Cámara Alta unha iniciativa para axilizar a contrucción deste vial que, segundo lembrou, era unha obra que estaba xa incluida nos orzamentos do Estado do ano 2004 realizados polo Goberno do Partido Popular.

O Presidente do populares lucenses tamén se mostrou partidario de que o trazado desta estrada non afecte negativamente ó futuro desenvolvemento urbanístico dos concellos afectados. No que atinxe a Burela, coincidiu co criterio expresado por diversos colectivos veciñais e a propia agrupación local do PP, de que  discurra polo sur do municipio, evitando así perxudicar a construcción do parque empresarial que está previsto ubicar na zona de A Puida.