Partido Popular de Lugo

O GPPP DENUNCIA A FALLA DE MANTEMENTO DA REDE VIARIA DA DEPUTACIÓN E A DEIXADEZ DO SEU PRESIDENTE

Lugo, a 12 de abril de 2008.-  O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia a “preocupante” falla de mantemento da rede viaria provincial. Asegura que en concellos como o de Pedrafita, Quiroga, Ribas de Sil e O Courel hai estradas que están cheas de baches e “de tan grandes dimensións ademais que semellan cráteres lunares”. Os problemas nas vías de titularidade provincial son igualmente acuciantes nos municipios de Pantón e Sober.

 

O voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, citou máis casos: os concellos de Cervo, Barreiros e mesmo Lugo, “entre unha longa lista de municipios que están agardando que, cando menos, se tapen algo os socavóns”.

 

Barcia asegurou que no caso do Courel, por exemplo, “ante a pasividade dos responsables provinciais, houbo veciños que optaron por tapar os buratos con terra e con terróns para tentar que alomenos os coches non sufriran danos”.

 

Esta situación, o seu entender, é alarmante e froito do proceso de paralización administrativa que se deu co cambio de goberno na Deputación e que trouxo consigo “un considerable retraso na adxudicación das obras de mantemento e conservación das vías provinciais no que afecta ó ano 2007”. “Tanto é así”, engade, “que non hai moito que se aprobou algún plan de seguridade deste tipo de obras, un trámite obligatorio para que comencen os traballos”.

 

E mentres as estradas provinciais presentan un estado lamentable, o diputado-delegado de Obras, Sr. Martínez, “nun comportamento que de tan absurdo, resulta ridículo”, salienta Barcia, “adícase a trasladar ós medios de comunicación as súas dúbidas sobre qué materiais debe usar para o mantemento (aínda que sería máis axeitado dicir o non mantemento) das vías provinciais. Unha dúbida existencial que quizáis podería resolver mellor facendo unha consulta popular”.

 

Así que, na opinión do voceiro adxunto do GPPP, o responsable de Obras da Deputación, na vez de solucionar os moitos problemas que existen na súa área de competencia, porque “o deterioro da rede viaria provincial resulta xa tan alarmante, ó carecer dun mantemento mínimo, que a seguridade viaria neste intres non está asegurada, adica o seu tempo e esforzo a divagar sobre asuntos tan profundos como a búsqueda do firme perfecto e, claro está, a gastar cartos de todos en reparar camiños privados en concellos coma Pol, Viveiro, Foz, Sarria, Láncara e Cervantes, entre outros”.

 

 “E o peor de todo é que o presidente da Deputación non está”, asegura Barcia. “Prefire irse a Madrid á sesión de investidura do Presidente do Goberno na vez de adicarse a solucionar os problemas que ten na casa empezando, por exemplo, por paliar os efectos causados polas inundacións dos últimos días nas estradas provinciais”, engade.