Partido Popular de Lugo

NÚÑEZ FEIJÓO PIDE QUE SE ELABORE UN ESTUDO DE RISCOS PARA DEDIDIR A UBICACIÓN DOS PARQUES DE BOMBEIROS NA MARIÑA LUCENSE

Santiago, 11 de abril de 2008.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que esta mañá visitou as áreas dos concellos de Cervo e Barreiros que resultaron afectadas polas enchentes dos pasados días, reclamou a elaboración dun estudo de riscos que permita determinar, baixo criterios estrictamente técnicos, a ubicación axeitada dos futuros parques de bombeiros na comarca da Mariña lucense.

 

 

Para Núñez Feijóo, ese estudo permitiría definir con obxectividade as necesidades desa comarca lucense, evitando interferencias da Administración autonómica e provincial, ante o risco de que podan decidir a ubicación en función de criterios políticos, en lugar de deixarse guiar polas recomendacións dos expertos. O estudo tamén permitiría valorar as necesidades reais de efectivos.

 

 

Durante a visita, na que estivo acompañado polos alcaldes dos municipios afectados, concellos da comarca, o deputado autonómico José Manuel Balseiro, e mailo vicepresidente do PPdeG, José Manuel Barreiro, o líder dos populares galegos tivo palabras de recoñecemento para os efectivos de protección civil da comarca. O seu traballo evitou que despois das enchentes houbese que lamentar desgrazas persoais e maiores danos materiais.  

 

 

Núñez Feijóo tamén fixo un chamamento aos responsables autonómicos de Medio Ambiente para que exerzan as súas competencias e estremen o coidado dos leitos fluviais, convencido de que se os cauces estivesen limpos de árbores, os danos poderíanse ter minimizado.

 

 

DESCOORDINACIÓN.- Neste caso, o líder dos populares galegos lamentou a descoordinación existente entre os responsables da execución da Autovía do Cantábrico na zona de San Miguel de Reinante (Barreiros) e a Consellería de Medio Ambiente para a canalización das escorrentías procedentes da zona en obras. O feito de que tales escorrentías desemboquen nun único punto causou boa parte das recentes enchentes.

 

 

Sen embargo, se a Consellería de Medio Ambiente tivese previsto esta eventualidade, non se terían rexistrado os problemas dos últimos días, a xuízo de Núñez Feijóo.

 

 

ENTORPECEMENTO DA DEPUTACIÓN DE LUGO.- O presidente do PPdeG cuestionou a deslealdade institucional amosada pola Deputación de Lugo co concello de Barreiros e advertiu que unha cousa é a colaboración e outra o entorpecemento” ao que foi sometida a Administración local. A pesar de que desde o Concello de Barreiros efectuaron insistentes advertencias á Deputación ante a inminencia da enchente para que se adoptasen as medidas oportunas nas vías de titularidade provincial, desde esta entidade fixeron caso omiso de tales advertencias. 

 

 

Núñez Feijóo alabou a actitude amosada polos concellos ante esta crise, porque tiveron que asumir competencias e gastos que non lles correspondían e advertiu que a actitude amosada polas administracións autonómica e provincial supón un exemplo de deslealdade dos veciños. “Colaborar cos concellos é colaborar coa veciños”, afirmou.

O presidente do PPdeG anunciou que o seu grupo trasladará estes feitos ao Parlamento para pedir explicacións ante a actitude amosada pola Xunta.