Partido Popular de Lugo

BARREIRO SALIENTOU HOXE EN FOZ QUE O PP MELLOROU O 9-M EN MÁIS DE OITO PUNTOS OS RESULTADOS DAS ELECCIONS MUNICIPAIS

Foz, a 11 de abril de 2008.- O Presidente Provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro salientou hoxe, durante un encontro coa xunta local en Foz, que o Partido Popular incrementou en 8,3 puntos os resultados electorais do pasado 9 de marzo con respecto as últimas municipais. Pero, pese a recoñecer ese bo resultado, incidiu en que non hai que baixar a garda senón todo o contrario. “Hai que traballar moi duro para recuperar os niveis de respaldo que tíñamos antes e, sobre todo e penso que ese debe ser o noso obxectivo, incrementalos de maneira clara”, indicou.

 

 

A xuntanza mantida hoxe coa executiva local popular, que encabeza Ángel Cao Pérez, e á que asistiron, entre outros, o secretario xeral do PP lucense José Manuel Balseiro e a senadora María del Carmen Gueimunde, tamén serviu para perfilar a líneas básicas de actuación da formación política de cara ós vindeiros meses.

 

Unha actuación, que segundo adiantara xa José Manuel Barreiro na xunta directiva provincial, ten que ir encamiñada en dúas direccións, “igualmente importantes”, unificar a estratexia a seguir polo partido en toda a provincia “e fixar os mecanismo que resulten precisos para achegar o máis posible as nosas propostas á sociedade. Prestando sempre moita atención ás suxerencias que os propios electores nos fagan chegar como unha boa maneira de enriquecer o noso propio programa”.

 

PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA.- No encontro tamén houbo tempo para analizar algunha das carencias que presenta o municipio de Foz. Neste contexto atopase o Punto de Atención Continuada (PAC) que tanto o PSOE como o BNG prometeron durante a campaña electoral das pasadas eleccións autonómicas, pero que aínda non se materializou.

 

De feito o asunto será tratado unha vez máis a vindeira semana no Parlamento a instancias dunha iniciativa presentada polo deputado José Manuel Balseiro  na que se interesa por cándo ten previsto o Presidente Touriño recibir ós representantes da comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública para tratar, entre outros, este asunto.

 

 

Os populares lembran que tanto o actual Presidente da Xunta coma o Vicepresidente remitiron sendas cartas ó voceiro deste colectivo, concretamente o 13 de abril e o 3 de maio de 2005 respectivamente, comprometendo este servicio pero que, a partir de entón, reiteradamente solicitaron entrevistarse para abordar este asunto, xunto con outras promesas relacionadas coa mellora do servicio sanitario na zona, sin que, polo momento, recibiran resposta. “Vese que tanto o PSOE coma o BNG esquéncense pronto das súas promesas electorais”, sinalou Barreiro ó respecto.   

 

 

PUNTO NEGRO.- Tamén foi motivo de análise a situación na que se atopa o punto negro no que se convertiu o Alto de Mañente. Os populares puxeron de manifesto que neste punto da N-634 producíronse numerosos accidentes pero que desgraciadamente o Ministerio de Fomento aínda non tomou ningunha medida para solucionar o problema.

 

Neste senso, lembraron que uns meses, a raiz de que tivera lugar un accidente mortal nesta zona, a única medida adoptada polo Ministerio, que califican de “tardía e absolutamente insuficiente”, foi eliminar o carril de vehículos lentos. Unha medida provisional que vai camiño de converterse en definitiva sen que, segundo salientaron os populares, se solucione o problema da seguridade dos automovilistas que pasaría pola sustitución do aglomerado actual da estrada por un firme antideslizante.

 

Os populares tamén salientaron que no pleno do pasado mes de febreiro presentaron unha moción, que foi aprobada por unanimidade da corporación, na que se pedía que o Concello instara a Fomento a dar unha solución definitiva a este asunto, xa que a eliminación do carril adicional fai que a saída do tráfico dende Foz se ralentice moito, sobre todo en épocas de maior afluencia de xente como puido ser a pasada Semana Santa ou o que acontecerá no verán. Neste momento, os populares de Foz non lles consta se o Concello fixo algo ó respecto nin se o Ministerio de Fomento ten previsión de solucionar esta deficiencia.

 

Tras a xuntanza coa executiva local, José Manuel Barreiro participou nunha cea con afiliados e simpatizantes do partido ós que agradeceu o apoio prestado nos pasados comicios Xerais.