Vilalba, a 10 de abril 2008.- O Presidente Provincial dos populares José Manuel Barreiro mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa agrupación local de Vilalba para, entre outros asuntos, valorar o resultado das pasadas eleccións Xerais.
Neste senso Barreiro valorou moi positivamente os resultados acadados pola formación neste municipio, indicando que o PP acadou algo máis do 57 por cento dos votos. O que significa, segundo recalcou, que supera en case 30 puntos ó PSOE e en algo máis de 46 ó BNG.
Resaltou tamén o feito de que, en comparación coas Municipais, o PP incrementara o número de votos en preto dun dous por cento. Pese a elo, animou ós populares de Vilalba a que non baixaran a guardia dado que, con respecto ás Xerais de 2004, reduciuse un 2,2 a porcentaxe de voto.
Durante a xuntanza tamén se abordaron diversas cuestións sobre a actualidade municipal. Unha delas fai referencia ós accesos a Vilalba do tramo que está aberto da A-8. A este respecto os populares puxeron de manifesto a demora da Deputación en dar unha resposta á demanda formulada dende o Concello a finais do pasado ano sobre a necesidade urxente de facer unha nova variante que comunique a autovía coa vila á altura do grupo As Fontiñas.
Así, segundo salientaron os representantes do PP, o acceso á Vilalba faise a través dunha estrada de titularidade provincial, a que comunica Vilalba e Momán, que enlaza coa rúa da Ferrería, en pleno casco histórico. A calzada resulta tan estreita que optouse por colocar na autovía sinais que prohiben ós camións utilizala e incluso ós automóbiles lles resulta en ocasións difícil transitar por ela cando se cruzan con outro vehículo.
Dada a alta densidade de tráfico que rexistra este acceso e as condicións nas que se atopa, dende o Concello solicitouse á Deputación que fixera este novo acceso, que tería unha lonxitude aproximada dun quilómetro.
Os populares consideran que solucionar este problema é urxente e critican a tardanza da Deputación en darlle resposta, ben sexa aceptando a proposta formulada dende o Concello ou plantexando unha alternativa distinta.
O encontro celebrado hoxe en Vilalba enmárcase dentro dun intenso calendario de reunións coas agrupacións locais do partido en toda a provincia que está a desenvolver o Presidente provincia nos últimos meses e que se tiña paralizado precisamente pola celebración dos comicios do pasado 9 de marzo. Na xuntanza, ademais de José Manuel Barreiro, asistiron, entre outros cargos do partido e membros da executiva local, o secretario xeral José Manuel Balseiro, o presidente da executiva local Agustín Baamonde, o alcalde Gerardo Criado, e o senador e alcalde de Cospeito Armando Castosa.