Partido Popular de Lugo

O PPdeG REITERA A PETICIÓN DE ESTABLECER GARDAS PERMANENTES NOS BARCOS E HELICÓPTEROS DE SALVAMENTO PARA EVITAR RETRASOS COMO O DO CORDERO

Santiago de Compostela, 8 de abril do 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, Xosé Manuel Balseiro Orol, lamentou hoxe no Parlamento o rexeitamento por parte dos grupos que sustentan ao goberno, PSdeG e BNG, da oferta de consenso ofrecida nunha moción, encamiñada a reforzar o Servizo de Gardacostas de Galicia para que este poida estar operativo as 24 horas do día dos 365 días do ano. Trataríase de que os helicópteros e as principais embarcacións de salvamento marítimo podan ofrecer unha resposta inmediata, para evitar que volvan repetirse retrasos como o rexistrado a raíz do afundimento do Cordero, no que un arrastreiro que partiu da Coruña chegou antes á zona do afundimento que unha embarcación de salvamento con base no mesmo peirao.

 

 

Na iniciativa debatida hoxe, o Grupo Popular solicitaba que se esixira á empresa concesionaria o cumprimento rigoroso dos máis de vinte e tres puntos que transgrede respecto das prescricións técnicas que regulamentan o funcionamento do servizo de helicópteros dos Gardacostas.

 

 

O deputado popular esixiu á Consellería de Pesca que “poña orde no caos e que ten como consecuencia que o Servizo de Gardacostas non sirva para os obxectivos e as finalidades polas que se creou”. Estes incumprimentos, resaltou, abarcan aspectos de todo tipo desde a escaseza das tripulacións dispoñibles ata a ausencia de equipos axeitados para o desenvolvemento das misións aéreas que lles son encomendadas. E, de xeito especial, solicitou que se garantira a formación de todo o persoal no manexo dos equipamentos técnicos que incorporan as aeronaves e as preceptivas prácticas de voo en simulador que deberan efectuar os pilotos con periodicidade anual.

 

 

GRAVE RISCO DE VIDAS HUMANAS.- Para Balseiro, a nefasta xestión da Consellería resta operatividade a este servizo, con grave risco para as vidas humanas. “Co  rexeitamento da moción, os grupos políticos que apoian ao Goberno galego opóñense a que se dote co cadro de persoal suficiente tanto aos helicópteros Pesca I e Pesca II e as embarcacións Irmáns García Nodal, Sebastián de Ocampo e Valentín Paz de Andrade de xeito que non  se pode garantir a súa  operatividade” indicou o voceiro popular.

 

 

Tamén solicitou na moción que se dote de cadro de persoal suficiente a través de gardas con traballadores a bordo ás embarcacións Paio Gómez Chariño, Punta Festiñanzo e Punta Roncadoira, de xeito que quede cuberta toda a costa, dende Ribadeo ata o río Miño, considerando esta dividida en tres tramos: Rías Altas, Costa da Morte e Rías Baixas.

 

 

Na moción defendida por Balseiro Orol  tamén se solicitaba a elaboración dun estudo coa finalidade de verificar a necesidade de dotar ao resto da flota marítima do Servizo de Gardacostas de Galicia co persoal suficiente para garantir gardas con persoal permanente a bordo.

 

 

CÓMPLICES DAS DEFICIENCIAS.- Para o deputado popular, o Goberno galego  é cómplice das deficiencias  nun Servizo altamente cualificado, creado no ano 2004 polo entón Executivo autonómico do PPdeG,  chamado a desenvolver funcións de vixilancia e inspección pesqueira, control do medio mariño, prevención e loita contra a contaminación, ademais de labores de rescate e salvamento marítimo. Esta inoperancia produce consecuencias moi graves como son o incremento exponencial do furtivismo e o deficiente funcionamento dos medios de salvamento nos que ten competencia a Xunta de Galicia.

 

 

O voceiro de Pesca amosou como exemplo desta nula xestión as críticas a xestión dos servizos realizadas dende os máis variados e heteroxéneos sectores. Así nomeou as denuncias feitas polos sindicatos como UGT, “que é o sindicato no que militaba ou milita a propia conselleira”, ou a CIG, o Sindicato de Pilotos, SEPLA, e o  Colexio de Pilotos da Aviación Comercial. “Mesmo incluso do Ministerio de Traballo a través das súas actas de inspección cando sanciona a este servizo por non proporcionar a formación axeitada aos tripulantes dos helicópteros” indicou Balseiro.

 

 

SILENCIO OFICIAL.- O voceiro popular indicou que “ante estas críticas aplican o silencio oficial que tanto lles gusta a socialistas e nacionalistas en vez de ofrecer solucións reais cando está en xogo a vida e a integridade física de moita xente”. Así criticou que a Consellería de Pesca está a dar exemplo de ineficacia, pasotismo, deixadez e grave omisión dos seus deberes de as súas responsabilidades, renunciando a traballar para ofrecer solucións.

 

 

Na súa intervención, Balseiro Orol amosouse disposto a admitir como emenda de adicción o texto presentado por PSOE e BNG, pero rexeitou que esa proposta poda substituír á formulada polo PPdeG na medida en que, tal e como está formulada, os socios do bipartito non asumen compromiso algún para mellorar as dotacións do Servizo de Gardacostas de Galicia.

 

 

O portavoz de Pesca do Grupo Popular exhibiu na tribuna unha iniciativa parlamentaria asinada polo deputado nacionalista Bieito Lobeira –que non se chegou a debatir no Parlamento- na que este denunciaba as carencias do equipos de salvamento marítimo que operan en Galicia. Sen embargo, o deputado nacionalista non tivo reparo, na sesión de hoxe, en criticar a proposta na que PPdeG reclamaba o reforzamento dos medios de salvamento, dando mostra da súa incoherencia.