Partido Popular de Lugo

O PPDEG PRESENTARÁ NOS 77 CONCELLOS QUE INTEGRAN AS DENOMINACIÓNS DE ORIXE DOS VIÑOS GALEGOS UNHA MOCIÓN PARA PEDIR UNHA LEI ESPECÍFICA PARA O SECTOR

Compostela, 3 de abril de 2008-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, trala celebración do Comité de Dirección, que o partido presentará, nos 77 concellos que integran as denominacións de orixe dos viños de Galicia, unha moción para que se elimine do proxecto da Lei integral en materia de drogodependencias e outros trastornos aditivos calquera referencia ao viño, e se elabore, en todo caso, unha lei específica do sector vitivinícola.

 

“O viño é a preocupación máis importante do borrador da Lei de drogas e iso é unha irresponsabilidade”, afirmou Feijóo.

 

 

Para o PPdeG é evidente que é necesario regular o seu consumo por menores de 18 anos, pero considera que esta debería levarse a cabo nunha lei específica tal e como se fai noutros países europeos.

 

 

A moción lembra que, mentres a Lei específica do Viño de 2003 considera oficialmente ao viño coma un alimento, o anteproxecto de lei presentado pola Consellería de Sanidade establece, entre outras cousas, limitacións da publicidade e promoción do viño quedando prohibido o uso de declaracións de propiedades saudables, e incluso tamén, por exemplo, a visita dun menor de 18 anos a unha adega.

 

 

CONTRADICCIÓNS.- Trala reunión, na que se adicou unha parte a analizar o impacto desta norma sobre unha cuarta parte dos concellos galegos, os populares conclúen que a lei que ultima a Xunta carece de xustificación algunha, máxime despois da experiencia fallida do Ministerio de Sanidade, que en datas recentes tivo que dar marcha atrás no seu intento de penalizar o viño e outras bebidas derivadas. “A Xunta – dixo Feijóo- quere traer para Galicia unha Lei que fracasou hai menos dun ano en España”

 

 

O PPdeG destaca a importancia do sector do viño en varias comarcas galegas, non só pola súa importancia como motor económico, senón tamén como soporte fundamental da cultura, a tradición e a paisaxe de amplas zonas xeográficas da Comunidade Autónoma.

 

 

A xuízo do PPdeG, o anunciado anteproxecto de lei de drogas de Galicia revela a contradición política na que está inmerso o bipartito da Xunta: o BNG anuncia un plan de impulso de actividade vitivinícola mentres forma parte dun Goberno que promove unha lei que atenta contra o conxunto do sector e, o PSOE pretende asestar, con esta norma, unha segunda “patada” aos produtores vitivinícolas, logo dos recortes derivados da nova Organización Común do Mercado do Viño.