Partido Popular de Lugo

O PPdeG PROBA QUE A PASIVIDADE DA XUNTA PON EN RISCO VIDAS HUMANAS AO PERMITIR UN INCUMPRIMENTO MASIVO DO CONTRATO DOS HELICÓPTEROS DE SALVAMENTO MARÍTIMO

Santiago, 26 de marzo de 2008.- “A falta de reacción e a pasividade da Xunta de Galicia ante o incumprimento masivo do contrato que rexe o funcionamento dos helicópteros de salvamento marítimo dependentes do servizo de Gardacostas de Galicia está a poñer en risco moitas vidas humanas”, segundo puxo de manifesto o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ao formular unha interpelación sobre este asunto no Pleno do Parlamento.

 

Balseiro Orol subliñou que a Consellería de Pesca da Xunta incumpre ata 23 puntos distintos do prego de prescricións técnicas particulares que rexe o contrato de operación técnica de vóo, subministración de repostos, mantemento e administración dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

 

 

Os incumprimentos abarcan, segundo dixo, aspectos de todo tipo, desde a escaseza das tripulacións dispoñibles, ata a ausencia de equipos axeitados para o desenvolvemento das misións aéreas que lles son encomendadas.

 

 

O voceiro de Pesca dos populares galegos recordou que o Servizo de Gardacostas de Galicia dispón de dúas aeronaves, modelo Sikorsky S-76 C Plus, de fabricación estadounidense, valorados en 11 millóns de euros e dotados con equipamento tecnolóxico de última xeración, que non poden ser utilizados a pleno rendemento por mor da deficiente xestión dos responsables políticos da Xunta. Esta situación –caótica, en palabras de Balseiro- vese agravada pola práctica falta de operatividade das embarcacións do Gardacostas, que permanecen amarradas a porto.

 

 

Sen embargo, o deputado popular enfatizou a “profesionalidade e a abnegación de todo o persoal que traballa nos medios aéreos e marítimos dos Gardacostas galegos, que deben loitar coa precariedade dos medios materiais dispostos polos seus superiores xerárquicos da Xunta”.

 

 

INCUMPRIMENTOS.- Como exemplo do incumprimento do contrato que rexe o funcionamento dos medios aéreos, Balseiro recordou que os helicópteros Pesca I (con base en Vigo) e o Pesca II (que opera desde celeiro) do Servizo de Gardacostas non teñen  probado as ancoraxes nin as tomas de corrente a utilizar  para padiolas, incubadoras ou calquera outro aparataxe médico necesario para efectuar evacuacións. Tampouco foi elaborado o protocolo necesario para actuacións conxuntas que se podan prestar con servizos doutras Administracións ou corpos e forzas de seguridade; ni o que debería regular as competencias do director técnico.

 

 

CARENCIA DE FORMACIÓN PARA AS TRIPULACIÓNS.- O servizo de Gardacostas tampouco ofrece a formación necesaria ás tripulacións dos helicópteros, e proba diso é que non foron sometidos a adestramento para o manexo dos sensores dos helicópteros (como as cámaras de visión noctuna). De feito, os primeiros cursos comezaron a impartirse o pasado 3 de marzo, logo das primeiras denuncias públicas formuladas polo PPdeG. A Xunta tamén ignora a obriga de ofrecer aos pilotos prácticas de vóo de emerxencias cada 12 meses nun simulador homologado, e consinte que se omita o curso de escape de emerxencia en helicóptero emborcado na auga, que todo o persoal debería realizar anualmente.

 

 

As carencias de persoal necesario para cubrir todas as quendas de traballo é outra das carencias do Servizo de Gardacostas. Só así se explica que o helicóptero Pesca II quedase estacionado en Alvedro ás poucas horas de se iniciar o dispositivo de busca dos náufragos do Cordero; ou que, desde outubro de 2007, as tripulacións das bases de Vigo e de Celeiro se viron minguadas durante máis 40 días por mor do desprazamento forzoso de varios pilotos a outras bases da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar).

 

 

MATERIAL INSUFICIENTE.- Outro dos incumprimentos do contrato incide en que a roupa de vóo, e especialmente os traxes secos non son os apropiados para utilizar de xeito permanente, nin son novos como esixe o contrato. As tripulacións carecen do traxe de vóo antiexposición a augas frías que se poda poñer sobre a roupa habitual para axilizar a  rapidez na resposta. Só existen catro cascos de vóo para todos os tripulantes, que tamén carecen de luvas de vóo e de espellos de sinais para casos de emerxencia. As bases carecen, ao mesmo tempo, do casco de rescate “Alpha Rescuer” equipado con radio sumerxible, estipulado no contrato. Os nadadores de rescate tampouco dispoñen de traxe seco trilaminado para misións de rescate e protección ao frío.

Canto aos períodos de descanso estipulados para as tripulacións, evidenciase que non existe ningún “descanso mínimo relevado de toda tarefa”, esixido pola Dirección Xeral de Aviación Civil para os membros das tripulacións das diferentes aeronaves. Tampouco se avalía, nin se retribúe segundo o convenio en vigor, o grao de coñecemento do idioma inglés.

 

 

Constátase que non se cumpre o apartado que indica que as tripulacións, persoal de mantemento e administrativo deberán ter dedicación exclusiva, xa que a algúns traballadores se lle asignan tarefas diferentes ás específicas dos postos que ocupan. Constan outras irregularidades administrativas, como o incumprimento da obriga de que a empresa achegue un escrito de aceptación por parte de todo o persoal que traballa no servizo aéreo do Gardacostas. Ao PPdeG cóntalle, ademais, que algúns dos manuais de operacións dos Gardacostas foron elaborados sen seguir as normas aeronáuticas da OACI (Organización de Aviación Civil Internacional).

 

 

Outras deficiencias consisten na ausencia de autorización da Dirección Xeral de Aviación Civil para operacións de emerxencia cos novos helicópteros e da programación trimestral do persoal de vóo e mantemento que debe ser esixida periodicamente pola Consellería de Pesca da Xunta.

 

 

SUCESIÓN DE DENUNCIAS.- Balseiro Orol insistiu en que as carencias e os riscos denunciadas hoxe polo Grupo Popular en sede parlamentaria coinciden coas xa formuladas pola Federación Estatal de Transportes, Comunicacións e Mar de UGT, pola CIG, e o Sepla, pero tamén cunha acta incoada pola Inspección de Traballo e con apreciacións de traballadores e expertos independentes.

 

 

 

Por iso, o voceiro de Pesca do Grupo Popular reclamou un cambio de actitude da Administración autonómica para que corrixa as carencias e os incumprimentos evidenciados co obxectivo de  garantir o correcto funcionamento de todos os servizos de salvamento marítimo para incrementar a seguridade e integridade física de todas as persoas vinculadas coas actividades pesqueiras e marítimas.