Partido Popular de Lugo

A DEIXADEZ DA XUNTA CONVIRTE O REALOXO DUNHAS FAMILIAS NUN PROBLEMA GLOBAL DE ORDE PÚBLICA

Santiago, 26 de marzo de 2008.- A deixadez e a opacidade que veñen caracterizando a actitude da Xunta de Galicia en relación co problema puntual inicial relacionado co realoxamento de varias familias de etnia xitana dos poboados de O Vao (Poio-Pontevedra) e Penamoa (A Coruña) ameaza con estender o problema ata convertelo nun conflito global de orde público, vista a sucesión de protestas rexistradas e, incluso, a convocatoria dunha manifestación na cidade do Lérez a próxima semana. 

A voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, formulou no Pleno de hoxe unha interpelación para reclamar explicacións pola pasividade amosada ata o de agora pola Xunta ante estes sucesos. Recordou que, no caso do Vao, a Administración autonómica tentou desentenderse do problema, tratando de responsabilizar en exclusiva ao concello de Poio. Esta deixadez acabou derivando nun conflito institucional logo de que o Concello de Pontevedra interpuxera un recurso contencioso-administrativo por conflito de competencias contra o de Poio.

 

 

INTERESES ELECTORAIS DO BNG.- Quedou acreditado que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, movida polos interese electorais do BNG, forzou ás familias realoxadas a abandonar as súas vivendas pero, superada a cita coa urnas, volveu autorizar o regreso dos xitanos ao barrio de Monte Porreiro para, acto seguido, solicitar de novo a súa saída.

 

 

A xuízo de López Abella constátase que a Xunta de Galicia non efectuou un estudio de idoneidade, non contou coa participación de profesionais expertos en realoxamento e pretendeu efectuar os traslados de costas aos concellos afectados e aos propios veciños das zonas elixidas.

 

 

Deste xeito, tanto a Vicepresidencia da Igualdade como a Consellería de Vivenda actuaron, en opinión de López Abella, “desde o ocultismo, de maneira impropia para unha Administración Pública”.

 

 

A deputada popular tamén cuestionou que a Consellería de Vivenda siga sen facer público o contido do convenio que, cunha achega de preto de un millón de euros, permitiu financiar o realoxamento das familias do Vao, con escaso éxito polo de agora.

 

 

No caso das familias de etnia xitana que van ser desaloxadas do poboado de Penamoa, na Coruña, López Abella, tamén botou en falta a capacidade resolutiva da Xunta, na medida en que entre as competencias da Vicepresidencia da Igualdade figura a integración dos colectivos con dificultades, como sucede neste caso coas familias de etnia xitana.

 

 

SILENCIO CLAMOROSO DE TOURIÑO.- A visecretaria xeral do PPdeG cuestiona tamén o “silencio clamoroso” do presidente da Xunta en relación cos conflitos suscitados en Pontevedra e na Coruña e recordou que unha das atribucións de Pérez Touriño reside precisamente en coordinar e supervisar a acción do conxunto do Executivo galego.

 

 

A ausencia de Pérez Touriño e do PSOE é especialmente chamativa na Coruña, xa que a secretaria executiva asuntos sociais do PSdeG-PSOE é tamén concelleira de Urbanismo na cidade herculina. O feito de que estas dúas responsabilidades pivoten sobre a mesma persoa incrementa a responsabilidade do PSOE no realoxamento dos chabolistas de Penamoa.