Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2008.- A deputada do Grupo Popular Manuela López Besteiro defendeu hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a solicitar á Xunta de Galicia a iniciar, coa maior rapidez posible, unha residencia xeriátrica en Becerreá, votada en contra polos outros grupos políticos. Manuela López criticou a “dobre moral” de PSdeG e BNG xa que fan promesas electorais para a construción da residencia, incluída a promesa electoral do actual alcalde socialista nas últimas eleccións municipais, pero logo votan en contra no Parlamento da súa construción.
A deputada popular criticou que os grupos que apoian o goberno bipartito na Xunta votaran “por cuarta vez consecutiva”no Parlamento en contra da construción da necesaria residencia. Así indicou que votaron en contra dunha emenda do Grupo Popular aos Presupostos da Xunta para o ano 2007, doutra emenda aos Presupostos do ano 2008, e as emendas ao Plan de Reequilibrio presentado polo Goberno galego.
Para a deputada popular a poboación da zona “asiste a un engano sistemático de PSOE e BNG” xa que en numerosas ocasións votaron a favor en acordos municipais da súa construción pero logo eses acordos non son refrendados polos seus compañeiros de partido en Santiago. Así destacou que o mesmo alcalde actual socialista de Becerreá prometera na campaña electoral que se gañaba as eleccións habería unha residencia.
López Besteiro considerou na súa intervención que a residencia xeriátrica e fundamental para poder fixar á poboación nunha zona cun alto ratio de poboación maior de 65 anos (o 33%) e que sofre unha profunda recesión no seu número de habitantes. Para inverter esta situación é necesario apostar por actividades económicas alternativas e dotar ao concello dos servizos adecuados ás necesidades da poboación para evitar así o seu despoboamento e a emigración a zonas próximas que cobren mellor as súas necesidades asistenciais.