Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PIDE A XUNTA QUE DEIXE DE FACER PROPAGANDA COS ANUNCIOS DE CENTROS E SE TOME EN SERIO A ATENCIÓN AOS ENFERMOS DE ALZHEIMER NA PROVINCIA DE LUGO

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2008.- A voceira de  Asuntos Sociais do PPdeG, Susana López Abella, defendeu hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia unha iniciativa na que solicitaba á Xunta de Galicia un estudio sobre a situación das persoas con Alzheimer na provincia de Lugo e a realización, de xeito inmediato, dunha planifiación seria e concreta, coa correspondente partida orzamentaria, para a ubicación e posta en marcha de centros especializados.

 

López Abella lamentou o rexeitamento da súa iniciativa polos grupos que apoian o bipartito na Xunta, PSdeG e BNG, aos que instou a “deixarse de tanto discursiño e comezar a traballar” en serio por esta problemática social. Así, recordou que dende a Vicepresidencia da Xunta o seu titular prometera once centros específicos para toda Galicia para os anos  2007-2008 e, “rematado 2007, agora volve a prometer eses once centros para o 2008”.

A deputada popular fixo referencia na súa intervención a prevalencia desta patoloxía na provincia de Lugo, 8772 persoas, das aproximadamente 49.701 persoas diagnosticadas na nosa Comunidade o que supón un problema social importante e que necesita dun estudio da situación que viven estas persoas con deterioro das súas facultades e o análise dos recursos necesarios para atender a súa situación de dependencia.