Santiago, 22 de febreiro de 2008.- A constante sucesión de accidentes que se están a rexistrar no mar nos últimos meses –o último suceso saldouse onte con dous mariñeiros falecidos ao embocar a súa chalana fronte á costa de Laxe- fai que o Partido Popular de Galicia reclame a convocatoria urxente dunha reunión da Comisión de Seguridade do Consello Galego de Pesca, que aínda non celebrou unha soa xuntanza no que vai de lexislatura.
José Manuel Balseiro Orol, voceiro de Pesca do Grupo Popular, entende que na medida en que se trata dun órgano representativo do sector, a Comisión de Seguridade do Consello Galego de Pesca podería achegar propostas viables coas que tratar de frear a elevada sinistralidade laboral que rexistra a pesca galega.
Unha vez coñecidas as notables deficiencias que rexistran os diferentes dispositivos de salvamento marítimo que teñen a súa base en Galicia –tanto os dependentes da Administración Xeral do Estado, como os da Xunta de Galicia-, visualizados durante as operacións de rescate do Cordero, afundido o pasado 15 de xaneiro, o PPdeG entende que a Consellería de Pesca quedou sen argumentos para seguir negándose a convocar unha reunión da Comisión de Seguridade.
¿QUÉ OCULTA A CONSELLEIRA?.- “¿Qué ten que agochar a conselleira de Pesca para negarse a que comparezan no Parlamento os patróns que participaron no rescate do Cordero? ¿Por qué non convocou a Comisión de Seguridade nos dous anos e medio que leva nese cargo? ¿Por qué o servizo de Gardacostas continúa paralizado?”, pregunta Balseiro. A xuízo do deputado popular “as preguntas sen resposta adquiren un volume alarmante, mentres a conselleira segue a súa táctica habitual, ignora a realidade e mira cara outro lado”·.
A Consellería de Pesca permite o incumprimento sistemático do contrato coa empresa adxudicataria dos helicópteros de salvamento, mentres que o 90% das embarcacións do servizo de Gardacostas –con funcións en materia de inspección pesqueira, salvamento e loita contra a contaminación- levan 16 meses amarradas a porto.