Santiago de Compostela, 20 de febreiro 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, censurou hoxe no pleno do Parlamento a incapacidade do departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego de artellar as medidas necesarias para poñer fin ao notable deterioro da situación pesqueira e marisqueira na nosa comunidade, e demandou un cambio de rumbo radical para que o sector deixe de “estar en coma en Galicia”.
Para Balseiro o goberno autonómico bipartito non está a cumprir a principal promesa dirixida ao sector de convertelo nunha actividade económica estratéxica para Galicia , xa que nestes intres se encontra asfixiado polos múltiples problemas que se están a producir. A falta de iniciativas ante as crises derivadas dos malos resultados na costeira do bonito ou no sector que se dedica á captura da pescada dan bo exemplo disto.
O voceiro popular denunciou a falta de dilixencia da Xunta cando non xestionou correctamente, diante a UE, os mecanismos que minimizaran o impacto da entrada en vigor da nova normativa que crea as zonas C o que impide desenvolver o seu traballo a miles de mariscadoras galegas. “Galicia perdeu protagonismo, do que dispoñía por mérito propio, en relación cos grandes asuntos europeos” indicou Balseiro quen subliñou que pola contra Europa confía no Sr. López Veiga como asesor nun campo no que a Consellería ten unha das súas máis claras debilidades.
PROXETO DE LEI DE PESCA REXEITADO UNANIMAMENTE.- Para o voceiro de Pesca o goberno galego está a negarse a impulsar e liderar a imprescindible reforma das titulacións náutico pesqueiras, a posta en marcha dun ambicioso Plan de acuicultura para Galicia ou a aprobación definitiva dunha lei de pesca que logre un importante consenso no sector. Así, indicou que o proxecto de lei de pesca logrou o nunca visto:”o rexeitamento unánime e total do Consello Galego de Pesca, máximo órgano consultivo en materia pesqueira, representando unha comunidade heteroxénea de todos os axentes do sector pesqueiro, e que coincide en que a lei do bipartito é un fracaso absoluto.
INCREMENTO DO RISCO NO MAR.- José Manuel Balseiro indicou que o Goberno da Xunta mantén na parálise o sistema de emerxencias aéreas, permitindo que se vulnere o contrato que establece unhas condicións de seguridade e garantías mínimas para a prestación de servizos dos helicópteros da Xunta: Pesca I e Pesca II, incrementándose o risco no mar pola falta de dilixencia.
O voceiro de Pesca tamén denunciou a parálise do Servizo de Gardacostas de Galicia, que favorece o incremento exponencial dos casos de furtivismo incontrolado, a tardanza na tramitación das axudas e subvencións para compensar ou impulsar a actividade pesqueira.
TOURIÑO NON ESCOITA AOS QUE PIDEN UN CAMBIO DE RUMBO.-
Para o voceiro popular o Goberno galego amosa un claro desinterese por colaborar cos pósitos e coas súas Federacións, recordando que o Presidente Touriño negouse a manter contactos coa Federación Galega de Confrarías e outros representantes sectoriais porque lle pedían con insistencia un cambio de rumbo radical na política pesqueira, e así o dixeron coa convocatoria de varias manifestacións multitudinarias.
Asimesmo Balseiro criticou que no que levamos de lexislatura a Xunta non convocou ao comité Científico Galego de Pesca, organismo técnico asesor encargado de avaliar a situación dos recursos pesqueiros de interese para a nosa flota e orientar as posibles decisións da Xunta, probablemente que “dende a Consellería se teme que un órgano independente e técnico tamén censure a súa xestión”.
SEGUIDISMO DO GOBERNO ZAPATERO. – Para Balseiro, o Executivo galego está a desenvolver unha estratexia de seguidismo respecto do establecido polo goberno Zapatero, e amosase incapaz de transmitir, atender e defender os intereses particulares da nosa pesca. Deste xeito resaltou os moi desfavorables acordos acadados en cuestións tan importante como a parada biolóxica da anchoa ou da pescada e os graves erros para solicitar axudas europeas destinadas aos plans de recuperación do polbo.
PLAN ACUICULTURA CARECE DE PROXECCIÓN DE FUTURO.- Segundo o voceiro popular a paralización do Plan de Acuitcultra durante máis de tres anos, así coma casos como os de Pescanova, co traslado da súa principal factoría a Portugal, non son máis que a punta dun iceberg coa que se amosan as múltiples trabas que a Consellería impón as empresas de acuicultura. Para Balseiro o novo Plan, cuxa configuración dispón de máis de mil alegacións, carece de proxección de futuro xa que moitas das áreas de expansión carecen de viabilidade técnica e económica e non responde nin ás expectativas, nin ás necesidades dun sector que aspira a seguir liderando o mercado mundial.