Partido Popular de Lugo

O PPdeG PLANTEXA UN PLAN DE APOIO Á ESCOLARIZACIÓN DOS NENOS INMIGRANTES CON PROFESORES DE APOIO PARA FAVORECER A INSERCIÓN E SUPERAR O RETRASO EDUCATIVO

Burela, 18 de febreiro de 2008.- O PPdeG presentou hoxe un plan de apoio á integración dos escolares inmigrantes que, ao seu xuízo, debería sustentarse sobre tres piares: destinar profesores de apoio para que os nenos procedentes do estranxeiro superen canto antes as dificultades idiomáticas; habilitar persoal docente específico que axude aos escolares a superar o retraso que podan presentar e se equiparen, no menor tempo posible, co nivel de formación dos restantes compañeiros de clase, e, en terceiro lugar, habilitar unha estratexia conxunta cos concellos para evitar o risco de exclusión social que presentan, en ocasións, algúns integrantes deste colectivo.

 

A proposta foi presentada este mediodía pola voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, e pola tamén deputada Isabel García Pacín, en Burela, no transcurso dunha reunión que mantiveron cun grupo de inmigrantes radicados nesa localidade da costa lucense.

 

 

López Besteiro sinalou como exemplo de integración plena aos inmigrantes coboverdianos asentados desde hai anos na costa de Lugo. Este feito demostra, ao seu xuízo, que con vontade real e medios axeitados “a integración dos inmigrantes non é unha quimera, é unha realidade que aquí podemos constatar cada día”.

 

 

SEN FACER NADA DESDE A CHEGADA DO BIPARTITO.- Sen embargo, López Besteiro advertiu que ese grao de integración non sempre é posible e, por iso, a Consellería de Educación do anterior Executivo galego do PPdeG deseñou a e aprobou un programa específico que o Goberno bipartito non está a aplicar. Proba diso, afirmou, é que cando se van cumprir tres anos do cambio de Goberno, a conselleira de Educación anuncia unha comparecencia parlamentaria para explicar o que vai facer, sinal de que carece de un balance satisfactorio.

 

Entre outras eivas que impiden que ese plan de integración se leve á práctica en Galicia, a deputada popular referiuse ás diferenzas xurdidas entre a Consellería de Educación, asignada ao PSOE, e a Vicepresidencia da Igualdade, xestionada polo BNG, e con competencias relacionadas cos servizos sociais.   

 

 

SEN EDUCACIÓN NON HAI INTEGRACIÓN EFECTIVA.- Insiste o PPdeG en que a Educación é un dos instrumentos máis eficaces para acadar a integración dos inmigrantes a medio e longo prazo. Sen embargo, adverte que calquera diferenza que poda xurdir entre o sistema educativo e os servizos sociais pode producir efectos nefastos, que se poden traducir nun elevado absentismo escolar que mesmo pode derivar cara a utilización de nenos para a mendicidade.

 

O padrón de xaneiro de 2007 sinala que, daquela, residían en Galicia 81.023 inmigrantes, que supoñían o 2,8% dos estranxeiros asentados legalmente en España. A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta apunta que 40.913 deses inmigrantes, o 50,4%, están afiliados á Seguridade Social. Esta mesma fonte cifra en 10.561 o número de nenos e adolescentes inmigrantes escolarizados nos niveles non universitarios e en preto de 1.000 os que cursan estudios universitarios.