Partido Popular de Lugo

BARREIRO AFIRMA QUE O PARTIDO POPULAR FARÁ UNHA CAMPAÑA SEN TENSIÓN NIN DRAMATISMO

Palas de Rei, 16 de febreiro de 2008.- Todos os cargos do Partido Popular da provincia de Lugo sumáronse a unha xornada de traballo que se celebrou na localidade de Palas de Rei e na que tamén participaron os candidatos ó Congreso e Senado pola provincia. 

 

O Presidente Provincial, José Manuel Barreiro, abriu a convención presentando un informe sobre a situación do partido no que se analiza, concello por concello, a evolución do voto. Neste documento de traballo interno o Partido Popular  marcou as pautas de acción a seguir en cada municipio.   Polas comparativas analizadas dun xeito pormenorizado, se desprende que o Partido Popular será de novo a forza maioritaria nestas eleccións xerais na provincia de Lugo.

 

Na súa intervención o lider dos populares lucenses avanzou que durante esta campaña os candidatos explicarán “cunha linguaxe directa e moi clariña” cales foron os incumprimentos do goberno de Madrid con Lugo nestes últimos catro anos “é importante que os lucenses coñezan todo o que quedou sen resolver na provincia”.

José Manuel Barreiro puxo de manifesto que combatirán a política propagandística do PSOE “a conta de resultados é tan pobre que os dirixentes socialistas que  veñen a Lugo como non teñen que inaugurar se teñen que conformar con visitas de obras”. O Presidente Provincial referíase á supervisión que fixo Touriño o xoves da obra do novo hospital, e ó paso fugaz  por Lugo da Ministra Magdalena Alvarez.

DOBRE CARA DOS SOCIALISTAS.- Barreiro insistiu en que o PP fará unha campaña “sen tensión nin dramatismo”. O Presidente Provincial puxo en entredito “a ética política do PSOE”, considera que as conversas fóra de antena que se deron a coñecer estes días  de Zapatero e do seu segundo de a bordo, José Blanco, confirman a dobre cara coa que actuan dos socialistas “a mensaxe e a imaxe que presentan é falsa. Só buscan gañar a toda costa sen importarlles os métodos empregados”.  

O Presidente dos populares de Lugo está convencido de que “a verdade en democracia sempre se abre camiño de aí que o Partido Popular  presente un proxecto responsable con propostas e en positivo”.

Logo da exposición de José Manuel Barreiro fíxose unha posta en común do calendario de actos . O Secretario de Organización, José Manuel Balseiro Ourol, explicou que aparte dos tradicionais mitíns  o Partido Popular prestará unha especial atención ós encontros sectoriais.

 

Balseiro afirmou que a posibilidade de gañar estas eleccións está ó alcance da man “hai que ilusionar e motivar á nosa xente. Traballaremos casa por casa como si dunha municipais se tratase. Levaremos a cada un dos rincóns da nosa provincia ás nosas propostas”.

EQUIPO.- O cabeza de lista ao Congreso, Joaquín García Díez, abriu un turno de intervención reservado para os candidatos no que cada un expuxo as liñas xerais da campaña que farán na zona de influencia que lles corresponde. Como conclusión explicaron que porán un especial énfase no formato de actos en rúa e potenciarán unha liña de traballo paralela  que lles permita coñecer de primeira man problemas, eivas, inquedanzas que posúen os principais sectores productivos da provincia”.

O cabeza de lista ao Congreso avogou para que os deputados e senadores formen parte da política de proximidade e de cara a vindeira lexislatura propuxo reforzar a coordinación con alcaldes e representantes dos grupos municipais “o 90% das iniciativas que levemos a Madrid deben nacer no ámbito local”.