Partido Popular de Lugo

O GRUPO PROVINCIAL DO PARTIDO POPULAR AFIRMA QUE A DEPUTACIÓN ARRANXA FINCAS PRIVADAS EN FOZ

Lugo, a 15 de febreiro de 2008.- Os deputados provinciais do PP pola Mariña, José María González Barcia, José Manuel Yanes Ginzo e Guillermo Leal visitaron hoxe, xunto co voceiro do PP en Foz, Angel Cao, varias parroquias de Foz nas que a Deputación está a usar maquinaria para arranxar entradas a casas e fincas particulares, así como para adecentar pasantías de carácter privado. Unha situación que confirma, segundo os populares, que “o anuncio feito por Gómez Besteiro de que primaría a transparencia no uso dos medios da Deputación e que éstes chegarían a todos os cidadáns foi un engano a todos os veciños e veciñas da provincia”.

Durante a súa visita ás parroquias de Santa Cilla e San Martiño, onde maquinaria da Deputación fixo as obras citadas anteriormente, o voceiro adxunto do PP na Deputación, José María González Barcia, asegurou que a Gómez Besteiro, “o medio-presidente da Deputación”, xa se lle poden aplicar “dúas das tres “ces” que o seu partido, o PSOE, aplicaban a Francisco Cacharro: a “c” de clientelar e a “c” de caciquil”. “E todo”, engadiu Barcia, “por obra e gracia de Martínez Núñez, o home forte do Fogar de Santa María, e autor, por certo, do slogan de “clientelar, caciquil e corrupto”. 

O voceiro adxunto do GPPP augurou que “a “ce” de corrupto se lle poderá aplicar en breve a Besteiro, a Martínez e a todo o bigoberno da Deputacion, que usan a institución provincial para repartir cartos a quen lles interesa”.

Os deputados provinciais mariñáns e os concelleiros focenses, aseguraron que tanto PSOE coma BNG están a facer un uso partidista e claramente electoralista da Deputación. Aseguraron neste contexto que “só lles falta asfaltar os galiñeiros”.

González Barcia indicou que “as estradas de varios quilómetros anunciadas por Besteiro e Martínez quedan reducidas ó arranxo de camiños privados e entradas a casas; e mentres tanto os viais da Deputación sofren a neglixencia da irresponsabilidade de Besteiro e Martínez, que saben que hai derrumbes nas estradas e quédanse tan anchos”.

O voceiro adxunto do PP na Deputación recordou que casos coma o de Foz xa os houbo en Pol, en Viveiro e en Becerreá, ó tempo que adiantou que “en poucos días daremos conta doutros similares”.