Partido Popular de Lugo

O PLAN DE REACTIVACIÓN DO SECTOR PESQUEIRO DE 2008 RECOÑECE O INCUMPRIMENTO DE MEDIDAS PENDENTES DE MATERIALIZAR DESDE DE HAI TRES ANOS

Santiago, 14 de febreiro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, cuestiona o denominado Plan de Reactivación do Sector Pesqueiro, anunciado recentemente polo Goberno do Estado, porque recoñece o incumprimento doutro paquete de medidas semellante anunciado xa hai tres anos e que aínda hoxe segue pendente de materializarse.

Agrega Balseiro que a liña de axudas aprobada polo Consello de Ministros o pasado 18 de xaneiro a través de préstamos do ICO financiados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación  non é mais que a materialización das axudas do Plan de Acción do 2005, tamén elaborado polo MAPA e que aínda continúan  pendentes de recibir os armadores, “por moito que digan o contrario os responsables do Ministerio”. A día de hoxe, máis do 90 por cento dos armadores galegos non se beneficiaron do Plan de Acción do 2005 que a Ministra firmou a finais de outubro daquel ano, a pesares de que solicitaron axudas.

 

 

PUBLICIDADE REITERADA MENTRES A PESCA AGONIZA.- Para o voceiro de Pesca do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, o novo anuncio das mesmas axudas é unha mostra concluínte de que os responsables de Pesca en Madrid “so se dedican a publicitar iniciativas de xeito reiterado mentres o sector agoniza”. Na súa opinión, este paquete de medidas do Goberno non é suficiente, posto que chega con tres anos de retraso, e non cumpre “para nada” as expectativas e as demandas expostas reiteradamente polo sector diante da ministra Elena Espinosa.

 

 

A xuízo de Balseiro, o Ministerio de Agricultura e Pesca pretende facer crer que é unha nova iniciativa, “cando en realidade son liñas de crédito comprometidas hai tres anos; de terse posto en marcha no seu momento, poderían paliar en parte a baixa rendibilidade actual da flota, provocada, entre outras causas, pola constante subida do gasóleo e polos baixos prezos do peixe en primeira venda”.

 

 

Na súa opinión, a tardanza en facer efectivas as liñas de financiamento é unha falta de respecto e unha burla para os pescadores, posto que a realidade de hai tres anos (cando tiñan que poñerse en marcha estas axudas) non é a mesma que a que está a sufrir o sector actualmente. Como exemplo, o parlamentario popular lembrou que no último trienio, o custe do gasóleo subiu un 137 por cento, “mentres que o montante dos créditos é o mesmo”.   

 

 

SEN AXUDAS.- O parlamentario popular tamén aclara que o montante económico do mencionado Plan de Reactivación do Sector Pesqueiro (236 millóns de euros), non contempla ningún tipo de axudas nin subsidios, senón que se limita a abrir unha liña de créditos a devolver polos armadores nas condicións determinadas no convenio subscrito entre o ICO e o MAPA no ano 2005.