Partido Popular de Lugo

O GPPP DENUNCIA O PECHE PARCIAL DA ESTRADA DA DEPUTACIÓN ENTRE NAVIA DE SUARNA E A FONSAGRADA

Lugo, a 13 de febreiro de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou hoxe o peche parcial ó tráfico rodado da estrada propiedade da Deputación que une A Fonsagrada con Navia de Suarna, a escasos catro quilómetros desta última localidade. Segundo o Grupo Provincial do Partido Popular, os autobuses e os camións non poden pasar, e só pasan, con grandes precaucións, os turismos. Os primeiros teñen que dar un rodeo duns vinte quilómetros, co que se está a causar un grave quebranto ós veciños, comerciantes e empresarios da zona.

 

O voceiro adxunto do Grupo Provincial Popular, José María González Barcia, visitou hoxe o lugar onde a estrada da Deputación literalmente se fundiu, acompañado polo presidente do PP de Navia, Vicente Flores, e o voceiro do grupo municipal José María Fernández.

 

Barcia recalcou que os veciños non foron advertidos por ninguén da situación na que se atopa a estrada, e tampouco teñen coñecemento de cando se vai arranxar este vial, que une dous concellos importantes da Montaña, e que leva así máis de dous meses.

 

En opinión de Barcia, “neste asunto só hai un responsable e chámase Gómez Besteiro, porque el é o presidente, e cabe preguntarse onde está porque por aquí so veu o Día da Androlla, pero a comer; algo máis puido facer, pero nada fixo, nin el nin o veciño destes concellos Martínez Núñez. Os dous demostran o escaso ou nulo interese que teñen por esta comarca, como xa o demostrou Besteiro deixandoa fora da planificación dos parques de bombeiros”.

 

Barcia engadiu que “a tarxeta de crédito de Besteiro e do bigoberno vaise quedando sen saldo; moita foto, moita leria, pero escasa dedicación e menos traballo”.

 

O voceiro adxunto do GPPP tamén criticou ó concello de Navia por “pasar amplamente do tema e remitir ós veciños á Deputacion, sen decatarse de que costa bastante menos unha chamada telefónica  ca que os veciños perdan unha mañá en ir e vir a Lugo para denunciar este problema”.

 

Engadiu ademais que este non é o primeiro caso que o GPPP denuncia e adiantou que, desgraciadamente, tampouco será o derradeiro, xa que haberá máis nos vindeiros días. Para Barcia, os veciños da provincia non se merecen un bigoberno que engana, “xa que din que as estradas da Deputación están en perfecto estado pero como non fan as labores de mantemento e o persoal de vías e obras está sen dirección política, xa comprobamos cómo están as estradas da provincia: caéndose”.