Partido Popular de Lugo

A XUNTA ATENTA CONTRA A INDEPENDENCIA XUDICIAL E TRATA DE AUTOEXCULPARSE DO DESASTRE ECOLÓXICO DA FERVENZA

Santiago, 12 de febreiro de 2008.- Unha vez confirmado que o Xulgado de Corcubión imputou ao director xeral de Augas de Galicia, e a un subdirector xeral dese departamento, como presuntos responsables do desastre ecolóxico acontecido no encoro da Fervenza na primeira quincena de decembro, o presidente da Xunta e mailo conselleiro de Medio Ambiente tratan de autoexculparse a pesar das evidencias existentes.

 

Nunha estratexia que atenta contra a independencia xudicial, e sempre coa axuda da Televisión de Galicia como caixa de resonancia, Touriño e Vázquez, xa se adiantaron á sentencia xudicial e desde hai días tratan de botar “balóns fóra” desvinculándose do suceso.

 

 

PROBAS DOCUMENTAIS EVIDENTES.- Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, recordou hoxe no Pleno do Parlamento, que existen probas documentais –que volveu amosar- que demostran que a Xunta eludiu as súas responsabilidades, malia que ten competencias plenas para regular o cauce ecolóxico dos ríos galegos. “¿Vai haber algunha dimisión por este asunto?”, preguntou Castiñeira Broz.

 

 

O boletín hidrolóxico de Augas de Galicia advertía, desde o 5 de novembro, da situación crítica na que se atopaba o río Xallas, pero non adoptou medida algunha para evitar o desastre ecolóxico, que saíu á luz, o 10 de novembro, cando miles de peixes apareceron mortos no encoro da Fervenza, como consecuencia da forte redución do volume de auga circulante polo leito fluvial.         O PPdeG levaba tempo advertindo da necesidade de habilitar medidas para facer fronte á seca, sen que a Xunta tomase en serio esa situación.

 

 

Neste sentido, a Comisión Europea xa abriu un expediente para investigar a presunta responsabilidade da Xunta nestes feitos e tal proceso podería concluír cunha sanción á Consellería de Medio Ambiente por non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a mortandade masiva de peixes nese encoro da Costa da Morte.

 

 

A  INOCENCIA DE TOURIÑO “AÍNDA ESTÁ POR VE.- A xuízo de Jaime Castiñeira, “é evidente” que o conselleiro de Medio Ambiente trata de desvincularse do sucedido, dada a clara responsabilidade do departamento que dirixe. Sen embargo, o deputado popular avisou  que “aínda está por ver” se Touriño non terá tamén algunha responsabilidade directa sobre o sucedido, dado que, tradicionalmente, a Presidencia da Xunta era un dos destinatarios habituais do Boletín Hidrolóxico que, con máis de un mes de antelación, advertiu semanalmente do desastre que se aveciñaba sen que ningún responsable político adoptase medida algunha para cambiar o curso dos acontecementos.

 

Recorda o deputado popular que o desastre ecolóxico do encoro da Fervenza “escoce e incomoda” ao conselleiro de Medio Ambiente, que se negou a comparecer no Pleno do Parlamento para explicar o sucedido, evidenciando que está tratando de distanciarse dun suceso que pode empañar as súas aspiracións políticas, dados os seus reiterados intentos de facer sombra ao propio Pérez Touriño.

 

 

Ante a negativa de Manuel Vázquez a comparecer, o Grupo Popular formulou unha interpelación que foi debatida no derradeiro pleno do pasado período de sesións. Cono consecuencia desa interpelación, Jaime Castiñeira defendeu hoxe unha moción para reclamar que se depuren todas as responsabilidades existentes no seo da Administración autonómica en relación co presunto delito ecolóxico da Fervenza.

 

 

O PPdeG pide tamén que no prazo máximo de un mes, a Xunta remita á Cámara un informe sobre as causas do desastre ecolóxico e se valore o alcance das posibles responsabilidades que se derivan deses feitos, tanto por parte do Executivo autonómico, como da empresa concesionaria da explotación hidroeléctrica na que se rexistrou o suceso.