Partido Popular de Lugo

PRETO DE 400 PERSOAS ARROUPARON AOS CANDIDATOS DO CONGRESO E SENADO QUE SE PRESENTAN POLA PROVINCIA DE LUGO

Lugo, 9 de febreiro de 2008.- Preto de 400 afiliados e simpatizantes participaron no acto público de presentación da candidatura que  o Partido Popular presenta ao Congreso e Senado pola provincia de Lugo. O Presidente Provincial e candidato ao senado, José Manuel Barreiro, abriu o turno de intervencións presentando ao resto dos seus compañeiros.

 

José Manuel Barreiro destacou a renovación, xuventude e experiencia do equipo que presenta o PP para esta campaña e explicou o apego de todos eles ao municipalismo “estamos diante da mellor candidatura, coñecen e practican a xestión de proximidade e son, polo tanto, moi sensibles ás necesidades e demandas da cidadanía” .

 

Durante a súa intervención fixo alusión á situación económica que atravesa España “este país non aguanta máis esta situación. Este país non pode aguantar a un presidente do goberno que  cando a xente ten dificultades para chegar a fin de mes porque non lle  pode facer fronte as hipotecas,  nin afrontar a cesta da compra o señor Presidente do Goberno di que non pasa NADA. Pon a careta quizais porque quere que sigamos en carnaval”.

 

José Manuel Barreiro non pasou por alto os compromisos que o PSOE adquiriu con Lugo lamentando que “ catro anos despois volven coas mans vacias”. O Presidente Provincial e candidato ao senado acusou a candidato do PSOE, José Blanco de faltar a palabra dada e criticou a súa osadía por unha das súas últimas  promesas na que anunciaba que faría en Lugo  unha terceira ponte  “non fixeches a segunda e ofreces a terceira. En Lugo só hai dúas pontes a que fixeron os romanos e a que fixo Tomás Notario Vacas”, puntualizou.

 

Barreiro afirmou que é posible gañar as eleccións, e insistiu en que dependía ddo esforzo de todos e cada un. “A candidatura sodes todos vós, a candidatura sodes os miles de militantes que o PP ten nesta provincia e se o entendemos así estas eleccións están gañadas. Este país necesita que gañe o PP, necesita un goberno serio que cumpra co que dí. Necesita un goberno cun bo proxecto que defenda os intereses da provincia de Lugo”.

 

“O traballo que temos por diante é moito pero temos moita máis ilusión porque os do Partido Popular cremos no que facemos. Nós non estamos en política só para conseguir votos, estamos por principios, porque cremos na xente, e cremos e sabemos que dende a defensa destes principios se pode conseguir que todos vivamos mellor”.

 

A continuación tomou a palabra o candidato ao Congreso, Joaquín García Díez, quen agradeceu ao Partido a confianza depositada nel. O cabeza de lista pola provinca de Lugo aproveitou a súa intervención para felicitar ao novo vispo de Lugo desexándolle  moitos éxitos. García Díez non pasou por alto ás declaracións de Touriño sobre Carrasco e nas cales o Presidente da Xunta dixo que era un mal sinal e que non ía beneficiar as relacións entre igrexa e política “nós respectamos a todos, non somos como outros” recalcou. Para García Díez está claro que despois destas manifestacións Touriño non  se atreveu a vir hoxe a Lugo ao acto de toma de posesión de Carrasco.

 

Joaquín García Díez tamén referiuse á credibilidade e o aval dos políticos. Defendeu a coherencia e a responsabilidade do PP de Lugo demostrada no apoio puntual aos orzamentos municipais na capital de provincia. O candidato desmontaba algunhas das últimas  críticas do PSOE contra os populares “Creeis que esa dereita reaccionaria e ós que chaman antipatriotas o son tanto si están apoiando a un goberno socialista en Lugo para que defenda os intereses da sua ciudad, ¿eso é ser antipatriota?”

 

Para o candidato ao Congreso “ter memoria é moi bo para ir a votar” e nese momento relataba a cronología do que considera “un engano masivo aos cidadáns de Lugo” en alusión ao último cambio de ubicación do futuro auditorio. Para García Díez esta última manobra de Orozco e do BNG  “pasará factura en Lugo”.

 

O número un por Lugo no Congreso rematou a súa intervención amosando a súa seguridade de que o vindeiro 9 de Marzo Lugo responderá “coma sempre o fixo” e contribuirá na victoria de Mariano Rajoy.

 

A clausura do acto de presentación de candidatos correu a cargo do Presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo.