Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR AFIRMA QUE XUNTA E GOBERNO CENTRAL ESTÁN A VENDER FUME NA COMARCA DA MARIÑA

Burela, 2 de febreiro de 2008.- O Partido Popular criticou hoxe en Burela a falla de compromiso por parte do Goberno da Xunta e do Goberno Central coa comarca da Mariña á hora de concretar a dotación de infraestructuras, no que a prazos e orzamentos se refire, e de defender os intereses económicos da zona.

 

O Presidente Provincial do Partido Popular e aspirante ó Senado, José Manuel Barreiro, acompañado de cargos electos do partido na comarca e candidatos ás vindeiras eleccións xerais, referiuse “como caso máis recente” á “teórica” ampliación do Hospital da Costa.

Segundo explicou, no Plan Director de Infraestructuras Sanitarias, “recentemente publicitado pola Xunta de Galicia”, prevese investir 9,3 millóns euros para a reforma estructural do centro sanitario, centrado fundamentalmente na área de obstetricia e para o novo plan funcional. Pero ésta, segundo recalcou José Manuel Barreiro, “non  é máis que unha declaración de boas intencións do bipartito, xa que este proxecto non ten ningún tipo de previsión orzamentaria nas contas da Xunta para este ano”.

 

“Sen consignación orzamentaria é imposible que unha obra deste calibre se leve adiante”, asegurou Barreiro.

 

Para o PP, por tanto, unha vez máis o bipartito pretende vender fume ós mariñáns, que aínda lembran a resposta no Parlamento de Galicia da Conselleira de Sanidade cando recoñeceu que do millón de euros que estaba previsto investir neste centro o pasado ano, tan só se empregaron 24.000 euros.

 

José Manuel Barreiro tamén chamou a atención sobre as contradiccións nas que se incurre no propio plan director, pois “mentres por un lado se fala dunha reforma sustancial, cun importante investimento; por outra banda, refírense a estas actuacións como “reformas de menor dimensión”.

 

En calqueira caso, no propio plan recoñécese que, tanto a ampliación estructural como a mellora dos seus recursos, non estará rematada ata o 2012.

 

“Esto quere dicir que os mariñáns permanecerán durante catro anos máis, que seguramente se alongarán no tempo, aguantando as listas de espera, os servicios de urxencia colapsados e sufrindo o deterioro xeneralizado da prestación sanitaria. Baste poñer un exemplo: seguirán carecendo dunha resonancia magnética permanente que evitaría ter que facer uso da itinerante”, explicou o Presidente provincial popular.

 

 

VAC FERROL-BARREIROS.- Outro caso flagrante de incumplimento dos compromisos acadados coa comarca da Mariña é a construcción da vía de alta capacidade Barreiros-Ferrol. “Prioritaria”, recalcou Barreiro, “para o desenvolvemento económico da comarca”.

 

Segundo denunciaron os populares, na dotación desta infraestructura incumpriron a súa palabra tanto os responsables da Xunta como do Goberno Central, porque a ambas administracións compete a súa construcción.

 

Neste senso, Barreiro lembrou que, no que atinxe ó tramo estatal (San Ciprián-Barreiros), comenzarán as obras cando tiñan que estar rematadas, é dicir, no ano 2010. “Despois de catro anos do Goberno Socialista aínda non hai un trazado definido. Levan dous anos redactando o estudo informativo e,  ano tras ano, nos orzamentos xerais do Estado aparecen partidas mínimas para esta obra (50.000 euros), que ademáis de ser raquíticas, non chegan a executarse”, explicou.

 

No tramo que é competencia da Xunta (Ferrol-San Ciprián), máis do mesmo. “A Xunta do PP deixou adxudicados os proxectos constructivos correspondentes ó 57 por cento do trazado. Pero, tras tres anos de bipartito, a Xunta foi incapaz de comenzar as obras. Non foron quen de facer un quilómetro de esta vía nin sequera de executar o orzamento comprometido para esta estrada”, indicou o candidato popular ó Senado.

 

Así, o bipartito aprobou nos orzamentos do 2007 un investimento para o 2008 de 37,1 millóns de euros. “Cifra que pronto deberon esquencer”, dixo, “xa que nas contas autonómicas para o presente exercicio tan só aparecen consignados 3,7 millóns de euros. Unha disminución do compromiso inversor, en definitiva, de 33,43 millóns de euros, máis do 90 por cento do previsto”.

 

Sendo moi optimistas, o corredor non entrará en servicio antes do 2016. Tendo en conta esta data é imposible sentirse satisfeito coa xestión do Goberno da Xunta, aseguran dende o PP.

 

“Eu pediríalle ós responsables da Xunta de Galicia que fagan posible que os veciños da Mariña poidan disfrutar dunha infraestructura propia do século en que vivimos e que diexen de dar as costas á Mariña lucense”, engadiu José Manuel Barreiro.

 

 

SECTOR PESQUEIRO.- “O sector da pesca está a vivir a peor crise da súa historia”. Así de contundente se manifestou José Manuel Barreiro ó referirse ó principal motor económico da Mariña porque, segundo indicou, en ningún momento a Xunta de Galicia fixo unha política dirixida a potenciar e, o máis importante, a defender os intereses do sector.

 

O Goberno galego non fixo nada, por exemplo, por compensar o enorme perxuicio que causou o desorbitante incremento do precio do combustible. Nos últimos tres anos o seu precio incrementouse un 170 por cento (nos últimos tres meses o 60%). “Gran parte da flota estase plantexando, por este motivo, parar os barcos porque non lles é rendible sair”, recalcou Barreiro.

 

Nin tampouco foi sensible á reiterada petición do sector de introducir reformas encamiñadas a superar a falla de profesionais cualificados e así adecuar a formación á realidade actual.

 

O bipartito, segundo lembrou Barreiro, tamén fixo oidos xordos a petición de que a Consellería de Pesca rectifique o seguro por mal tempo para que éste teña en conta a forza do vento e non a altura das olas.

Todo esto sen contar o problema que se segue a manter no sector sobre a cota de captura de determinadas especies.