Lugo, 1 de febreiro de 2008.- O Presidente provincial do Partido Popular e candidato ó Senado, José Manuel Barreiro, acompañado polo resto dos integrantes das listas á Cámara Alta e ó Congreso, presentou hoxe o calendario de actos que desenvolverán os populares durante a campaña electoral.
Barreiro salientou que desenvolverán unha intensa actividade a pé de rúa co fin de dar a coñecer pormenorizadamente as propostas “serias e realistas” que plantexa o Partido Popular no seu programa electoral. Para elo organizaranse en total máis de 250 actos cos que se cubrirá toda a provincia, comarca por comarca e concello por concello.
Os populares tamén poñerán de manifesto neste percorrido polas vilas lucenses a larga lista de incumplimentos do Goberno Socialista en xeral pero poñendo especial énfase nos referidos á provincia de Lugo. Para elo, o Partido Popular distribuirá un boletín informativo no que, ademais de dar conta da discriminación da que foi obxecto a provincia por parte dos socialistas durante este últimos catro anos, presentaranse a todos os candidatos populares ó Congreso e ó Senado.
José Manuel Barreiro fixo públicas ademais as datas dos mítines centrais de campaña na provincia nos que participarán, entre outros destacados líderes do Partido Popular, o Presidente autonómico Alberto Núñez Feijoo. Serán o día 24 de febreiro en Viveiro e Ribadeo; o día 26 en Sarria e Monforte e o 2 de marzo en Lugo e Vilalba. Indicou asemesmo que o Partido Popular realizar a tradicional pegada de carteis o día de inicio da campaña na Praza da Soidade.
O aspirante ó Senado pola provincia de Lugo tamén anunciou que o Partido Popular celebrará, como acto preparatorio do inicio de campaña e de concreción de calendario e programa, unha convención en Palas de Rei o vindeiro día 16 de febreiro.
José Manuel Barreiro aproveitou o acto de presentación do calendario electoral para salientar e sobre todo agradecer a colaboración dos militantes e simpatizantes do partido na organización dos actos e na intendencia que todo elo conleva. Neste senso indicou que o Partido Popular contará con preto de 3.000 persoas en calidade de apoderados e interventores na xornada de votación.
José Manuel Barreiro tamén se referiu ós integrantes das candidaturas ó Senado e ó Congreso. Ademais de salientar a xenerosidade e colaboración que obtivo de todos á hora de elaborar as listas, resaltou o alto grado de renovación acadada. Unha renovación que, segundo recalcou, enmarcase no proceso no que leva inmerso en toda a provincia o partido durante os últimos meses coa elección das novas xuntas locais e que pretende reforzar a estructura organizativa do partido.
Na súa opinión a candidatura coa que concurre o PP de Lugo as vindeiras eleccións xerais son unha moi boa opción para asegurar que os intereses da provincia serán defendidos como se merecen en Madrid. Fundamentalmente, segundo dixo, porque a meirande parte dos seus integrantes proceden da política municipal é coñecen pormenorizadamente e, sobre todo, de primeira man, as inquedanzas e os problemas ós que día a día teñen que facer fronte os lucenses.
Responde asimesmo á vontade do Partido Popular de dar maior protagonismo á representación municipal, dado que nela reside a esencia da política de proximidade, e “o achegamento á cidadanía será o noso principal obxectivo nesta campaña”, explicou José Manuel Barreiro, quen tamén salientou o feito de que todos os ámbitos territoriais da provincia contan con representación propia nas listas.
O Presidente provincial e candidato ó Senado dixo tamén que todos os candidatos do PP están abertos a participar en cantos debates queiran plantexar os medios de comunicación ou calquer outro colectivo, ó entender que ésta é unha boa maneira de que os lucenses poidan cotexar as propostas que cada opción política leva no seu programa.
Explicou ademais que na páxina web do Partido Popular de Lugo incluiuse un apartado adicado específicamente á cita electoral do vindeiro 9 de marzo no que se dará cumprida información sobre a actividade que desenvolva o partido.